En portadaÚltima hora

VII Andaina de Manzaneda e II Ruta BTT, o 12 de xuño

O traxecto terá un carácter circular e percorrerá diversos entornos de interese natural e patrimonial deste concello de montaña
Saída dos participantes na pasada edición da Andaina de Manzaneda./ Foto: Carlos G. Hervella.
Saída dos participantes na pasada edición da Andaina de Manzaneda./ Foto: Carlos G. Hervella.

Camiñando ou en bicicleta de montaña. Son as dúas posibilidades para poder participar no evento deportivo que o Concello de Manzaneda organizará na mañá do vindeiro domingo 12 de xuño. Trátase da súa VII Andaina que aúna deporte, natureza ou patrimonio e que dende o pasado ano complementa o traxecto a pé cunha ruta de BTT.

Esta camiñata complétase cunha ruta de BTT./ Foto: Carlos G. Hervella.
Esta camiñata complétase cunha ruta de BTT./ Foto: Carlos G. Hervella.

O seu percorrido será, novamente, circular e con saída e meta na vila de Manzaneda. Os primeiros en partir serán os participantes na andaina, que sairán ás 9:00h. dende a escola. Por diante terán un circuíto de 19 km que percorrerá lugares como Seoane, San Paio, Langullo, Cubeiros, Borruga, San Pedro ou A Corredoira. Estímase que a ruta completarase nunhas cinco horas.

No caso daqueles que opten pola BTT, o traxecto serán duns 37 km. A saída das bicicletas está fixada para as 9:30h. tamén diante da escola de Manzaneda. Dende aí os ciclistas enfiarán cara Aceboso, Sobrado, Langullo, A Mata, Cubeiros, Borruga, San Pedro e Seoane.

Ao longo do trazado estableceranse puntos de avituallamento e controis de paso. E, ao concluír as probas, ofreceráselle un xantar popular aos participantes no punto de saída.

Esta VII Andaina e II Ruta BTT será organizada polo Concello de Manzaneda en colaboración con Protección Civil deste municipio e coa Cruz Vermella. Para ampliar información pode visitarse a páxina www.concellodemanzaneda.gal.

Artigos relacionados

Back to top button