EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima horaViticultura

VIII Xornada de Portas Abertas na Ruta do Viño de Valdeorras, do 14 ao 16 de xuño

O programa desta edición vén de presentarse en rolda de prensa por parte da Asociación da Ruta do Viño valdeorresa

Do 14 ao 16 de xuño desenvolveranse os actos das VIII Xornadas de Portas Abertas da Ruta do Viño de Valdeorras. Así a primeira das actividades especiais do programa, prevista para o 14 de xuño a partir das 20h. no Pazo do Castro, será unha cata-maridaxe de cinco pratos con outros tantos viños de adegas participantes na ruta, guiada por un sumiller. O prezo da entrada será de 45 euros por persoa. Previamente terá lugar a inauguración das xornadas e o nomeamento do embaixador da Ruta do Viño de Valdeorras.

Adiántabano o presidente da Asociación da Ruta do Viño de Valdeorras, Joaquín Sánchez, e a técnica Cristina Núñez, no acto de presentación do programa desta edición na mañá do 3 de xuño no salón de actos do edificio multiusos do Barco.

O segundo día das xornadas, o 15 de xuño, ás 20h. celebrarase nos Xardíns da Casa Grande de Viloira outra cata comentada na que os “participantes descubrirán as diferenzas entre oito viños propostos, compararán e atoparán os propios gustos dun xeito diferente e divertido”, segundo a organización.

Posteriormente farase unha degustación de produtos típicos da zona maridados con viños das adegas participantes. O prezo da entrada será de 20 euros. A actividade rematará cun concerto aberto ao público, que tamén poderá degustar os viños das adegas das xornadas, mercando os tíckets correspondentes.

Esta Xornada de Portas Abertas da Ruta do Viño de Valdeorras incluirá o xa habitual “Bus do Viño” o 15 de xuño (con saídas dende a praza do Concello do Barco e da Rúa) que percorrerá dúas adegas en cada unha das dúas rutas marcadas. O prezo do mesmo será de 5 euros por persoa.

Nesta edición as adegas participantes nestas xornadas son A Coroa, Alán de Val, O Cepado, Godeval, Joaquín Rebolledo, O Casal, Quinta da Peza e Roandi. O programa das xornadas recolle outras propostas como unha ruta para visitar catro covas-adegas o 15 de xuño (ás 9:50h. cun prezo de 25 euros), un concerto de jazz na adega Joaquín Rebolledo da Rúa o 15 de xuño ás 20h. (cunha entrada de 10 euros) e unha ruta de sendeirismo ao Barranco Rubio (A Rúa) o 16 de xuño ás 10h. cun custo de 20 euros (10 euros os nenos).

Ademais haberá ofertas especiais para as persoas que se aloxen nos establecementos da ruta: Casa Rural Pacio do Sil (A Rúa), Hotel Monumento Pazo do Castro e Pensión Aurum.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button