En portadaÚltima hora

A vila barquense do Castro, escenario o día 2 de xullo do XI Camiño das Covas

As adegas deste percorrido festivo abrirán as súas portas a partires das sete da tarde
Imaxe da anterior edición do Camiño das Covas do Castro./ Foto: Carlos G. Hervella.
Imaxe da anterior edición do Camiño das Covas do Castro./ Foto: Carlos G. Hervella.

Taza en man, multitude de persoas enfiarán un festivo percorrido polas adegas da vila do Castro (O Barco) na tardiña do 2 de xullo. Será o comezo do chamado “Camiño das Covas”, unha celebración que mestura cada verán a tradición vitivinícola da zona, coa gastronomía e a música.

Esta celebración suma xa once edicións e mantén este ano un esquema similar a anos anteriores. Así os participantes poderán mercar a súa taza no posto que acostuma instalarse na praza do Castro a partires das sete da tarde, hora na que tamén se abrirán as adegas da ruta. O custo da entrada será de dez euros e, como novidade, nesta edición haberá unha entrada infantil ao prezo de tres euros.

A partires de aí, e tras recibir a taza correspondente, os participantes comezarán unha festiva peregrinaxe polas adegas (algunhas delas subterráneas) na que poderán degustar multitude de pinchos (embutidos, xoubiñas, empanadas, queixo…), xunto con viños (tanto brancos como tintos).

Non faltará, por suposto, a animación musical da man dunha charanga, se ben cada ano é habitual que haxa máis persoas que leven os seus propios instrumentos para participar dunha festa que enche de xente e ritmo esta antiga vila medieval, coroada polos restos do seu castelo, que tamén se pode visitar.

Ao redor das once da noite, as adegas irán pechando as súas portas e a festa mudará de escenario. O seu centro será nese momento a praza da vila, onde terá lugar a actuación, como xa vén sendo habitual, do grupo valdeorrés Os Broders, facendo bailar ata a madrugada aos asistentes.

Este XI Camiño das Covas será organizado pola Agrupación de Adegueiros do Castro en colaboración coa Concellería de Turismo do Barco. Ao peche desta edición aínda se estaban concretando detalles por parte da organización, polo que podería haber algunha modificación sobre o inicialmente previsto.

Artigos relacionados

Back to top button