ConcellosÚltima hora

A vila trivesa prepárase para o V Barathón

Terá como punto de partida a praza do Pilón na tarde do 24 de marzo
Cartaz desta quinta edición do Barathón de Trives.
Cartaz desta quinta edición do Barathón de Trives.

A partires das 17:30 h. do 24 de marzo a organización do V Barathón de Trives repartirá, de xeito totalmente gratuíto, pasaportes ás persoas (maiores de 18 anos) interesadas en participar nesta ruta libre por locais hosteleiros da vila. Eses “pasaportes” deberán ser selados en cada un dos bares participantes a medida que o público vaia tomando consumicións. “Ao remate do tempo establecido e no punto de encontro aínda por definir todos os participantes que completaran o Barathón deberán entregar o seu pasaporte selado para a comprobación por parte de organización e procederase ao sorteo de tódolos premios. Os premios poderanse consultar nos vindeiros días”, adiantan os promotores desta singular iniciativa, á cabeza dos cales está Elena Guntiñas.

O obxectivo desta quinta edición do Barathón é “batir todos os récords de asistencia”. Como novidade este ano haberá música en directo da man do grupo trivés “As Macizas Centrais”. Aínda non está concretado o número de locais participantes na ruta, algo que se fará público nos próximos días así como un horario cos lugares onde irán tocando as pandereteiras do grupo, “para que así a xente organice a súa ruta. Tamén dende a organización anímase ao resto da xente a levar instrumentos para convertir Trives nunha auténtica festa”, adiantan.

Artigos relacionados

Back to top button