CulturaCulturaÚltima hora

Vilafranca (O Bierzo) cumprirá co ritual da Festa do Maio, pero de forma simbólica e virtual neste ano

A Escola de Gaitas desta localidade propón cantar "o maio ás 12 da mañá do primeiro de maio desde os nosos balcois"

Maios tradicionais de Vilafranca do Bierzo./ Imaxe: Escola de Gaitas de Vilafranca.

 

A Festa do Maio en Vilafranca do Bierzo será o vindeiro día 1 de maio ben diferente á celebración tradicional. “Este ano roubáronnos a Primavera, como cando no relato mitolóxico o deus do Inframundo, Hades, raptou a Perséfone, deusa da Primavera e provocou os choros da súa mai, Deméter. Vellos e vellas, casadas e solteiras, homes e mulleres, mozos e mozas, ninos e ninas en Vilafranca e no Bierzo, todos botaremos de menos festexar xuntos con cantos e flores este ano a entrada da Primavera”, destacan dende a Escola de Gaitas desta localidade berciana.

Pese a iso manterase a celebración. De feito, un primeiro xesto ten sido xa a publicación neste 12 de abril no blog da Escola de Gaitas da primeira das entregas “A Festa do Maio de Vilafranca a través dos seus carteis”. Así, dende esta entidade cultural sinálase que “esta festa na vila non se pode pospoñer ou trasladar. Trátase dun rito consuetudinario que se fai no día ou non se fai. Este ano o maio será á forza virtual e telemática. Non haberá cartel para evidenciar que o festexo de sempre non se vai poder realizar, pero durante o mes de abril faremos un repaso en vinte entregas polas imaxes que serviron ao longo de cuatro décadas, ano a ano, para anunciar a nosa intención de revivir o compromiso de respecto coa natureza e coa tradición cantando o maio”.

Así dende a Escola de Gaitas de Vilafranca propoñen “cumprir o primeiro de maio dende as nosas casas co rito ancestral. Como? Cantaremos o maio ás 12 da mañá desde os nosos balcois, se doutro modo non se pode. Cantaremos as coplas de costume non ao pé dos balcois, senón cada un de nós desde os balcois da nosa vila. Animamos a sumarse a esta iniciativa a calquera persoa do Bierzo que queira manifestar así a súa luita polo planeta e o seu respecto á natureza cantando estas coplas tradicionais con nosoutros”.

E, como última recomendación para cumprir co ritual, lembran que “hai que comer unha castaña maia ese primeiro de maio, para que, como reza a tradición, non nos dea o desmaio! Este dito cobra este ano máis sentido que nunca”.

Máis información:

http://bierzocultura.blogspot.com/search/label/A%20FESTA%20DO%20MAIO

 

Artigos relacionados

Back to top button