ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Vilamartín acollerá o 25 de novembro a primeira Carreira das Cidades contra o Cancro de Páncreas de Galicia

Esta proba solidaria, na que o recaudado se destinará de forma íntegra a xerar becas de investigación nesta enfermidade, incluirá unha carreira e unha andaina que partirán de Valdegodos

Tras o falecemento dun familiar por cancro de páncreas, tres veciñas de Vilamartín, Belén Gómez, Patricia González e Eva Iglesias buscaban iniciativas solidarias nas que participar para aportar “o seu gran de area” e axudar a que avanzase a investigación neste tipo de enfermidade. Así descubrían a Carreira das Cidades contra o Cancro de Páncreas, que ata agora víñase celebrando en Alicante, As Rozas e Terrassa. A súa intención inicial era participar nela, sen embargo finalmente marcábanse o reto de organizar unha proba deste tipo no seu concello: Vilamartín.

Así nacía o proxecto da I Carreira e Andaina das Cidades contra o Cancro de Páncreas de Galicia, que unha actividade deportiva que se materializará o 25 de novembro en Valdegodos (Vilamartín). As súas promotoras explicábano nunha rolda de prensa convocada na mañá do 7 de novembro no Hospital Comarcal Valdeorras, no Barco. Nela estaban acompañadas polo xerente do Hospital Comarcal de Valdeorras, Francisco Contreras, polo xefe do Servizo de Dixestivo do Hospital Universitario de Ourense, Eloy Sánchez; e por María Francisco, dixestóloga de referencia para o hospital do Barco.

Trátase dunha dobre cita solidaria cunha andaina (con saída ás 10:30h.) e unha carreira (que comezará ás 11:30h.) de 11 km. Ambas partirán dende o CEIP Xosé Manuel Folla Respino de Valdegodos. A súa inscrición terá un custo de 10 euros para os adultos e de 5 euros para os nenos. Este importe será doado integramente á investigación en cancro de páncreas. Ademais pode haber tamén inscricións de “fila 0”, é dicir, de persoas que queiran colaborar aínda que non acudan ás probas. Ao remate da andaina e da carreira haberá unha pequena convivencia entre todos os asistentes

Esta iniciativa benéfica está promovida por ACANPAN (Asociación do Cancro de Páncreas) e por AESPANC (Asociación Española de Pancreatoloxía) en colaboración da Delegación Valdeorresa da Federación Galega de Atletismo (FGA) e do Club Peña Trevinca Barco. Tamén conta co apoio, entre outras entidades, dos Concellos de Vilamartín, Rubiá e O Barco.

Ademais de neste concello valdeorrés, tamén haberá carreiras deste tipo noutros puntos de España (Madrid, Alicante e Terrasa) e outras dúas fóra de España (Roma e Milán) no marco da celebración do Día Mundial contra o Cancro de Páncreas (15 de novembro). “O diñeiro de todas as incricións vai integramente destinado a xerar becas de investigación en cancro de páncreas. Creo que é unha iniciativa moi boa a nivel nacional que temos que apoiar para potenciar a investigación específica en cancro de páncreas. A investigación é algo clave para poder optimizar os tratamentos e lograr un diagnóstico precoz en fases curables da enfermidade”, sinalaba a doutora María Francisco, responsable da Unidade de Páncreas do Hospital Universitario de Ourense e colaboradora da carreira.

Tamén explica esta especialista que, en función das becas que poidan crearse co diñeiro recaudado, sácanse unhas bases “para concursar nelas, e na reunión anual da Asociación Española de Gastroentoroloxía decídense os traballos seleccionados e entrégase cada beca. Esta reunión sempre ten lugar en Madrid en marzo de cada ano. Neste ano pasado concedíanse dúas becas: unha para investigación básica e outra para investigación clínica”. Os asistentes á rolda de prensa animaban a participación destacando á importancia de que calquera persoa pode axudar aportando o seu gran de area.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información:
https://osil.info/no-cancro-de-pancreas-e-necesario-potenciar-a-investigacion-para-optimizar-os-tratamentos-da-enfermidade-e-lograr-un-diagnostico-precoz-en-fases-curables/
Na edición en papel do Periódico O Sil e en O Sil Deportivo.
http://carreracancerpancreas.es
https://www.carreirasgalegas.com/carreira/i-carreira-e-andaina-das-cidades-contra-o-cancro-de-pancreas/33c1eeff-bc3c-ff96-633f-39e974c7adfb

Artigos relacionados

Back to top button