ConcellosEn portadaÚltima horaVilamartín

Vilamartín aposta por poñer en valor as súas covas e a zona deportiva do Bañadoiro

O alcalde mantiña esta mañá unha reunión co delegado da Xunta en Ourense na que lle presentaba estes proxectos, entre outros

 

Ata Vilamartín de Valdeorras desprazábase esta mañá o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, para manter un encontro co seu alcalde, Enrique Álvarez. Esta visita, tal e como indicaba Alén, enmárcase “na rolda de contactos que estou mantendo cos alcaldes dende que tomei posesión do cargo, hai xa un ano”. Ademais o delegado foi recibido polos membros da corporación vilamartinesa.

Nesta xuntanza o alcalde de Vilamartín presentáballe varios proxectos. “Temos moitas cousas enriba da mesa, cremos que a Xunta debe ser partícipe destas iniciativas, e, nese senso, xa lle levamos presentadas varias e ata o de día de hoxe non conseguimos moitas cousas. Entón queremos que o delegado nos axude na medida do posible”, aseguraba Enrique Álvarez Barreiro.

Así, entre os proxectos que o rexedor lle presentaba a Gabriel Alén, destacaba un na zona do Bañadoiro no que xa se conta co apoio da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) e “estamos vendo como podemos conseguir financiamento pola parte de Deportes e posiblemente aí o delegado nos poida axudar. Ese proxecto para nós é importante, é o reflexo da nosa comarca e pola que vén moita xente a adestrar e que nos parecía interesante”.

Por outra banda, o rexedor vilamartinés, tamén se refería a unha iniciativa a desenvolver no centro da vila e, máis en concreto, no edificio do antigo Concello, que “nos parece que non pega nada co entorno. A nosa idea era derrubalo e comprar parte da finca que temos enfronte, para, dese xeito, ampliar a praza de maneira que o propio Concello sexa parte da praza principal de Vilamartín”.

Ademais, Enrique Álvarez, apuntaba a importancia de poñer en valor as covas ou adegas soterradas de Vilamartín, “é a referencia por excelencia das covas da comarca. A ruta das covas de Vilamartín atrae entre 4.000 e 5.000 persoas todos os anos, cremos que é relevante, que é unha zona na que tiñamos que investir cartos para que se puxera un entorno adecuado. É un sitio moi bonito pero está sen explotar no sentido turístico”.

 

 

Finalmente, o rexedor vilamartinés tamén lle trasladaba ao delegado da Xunta que, malia que dende o Concello solicitan diversas subvencións á Administración galega, “a Vilamartín non teñen chegado os cartos e queremos saber que sucede e cales son os motivos. É certo que agora mesmo temos 2 subvencións aprobadas por Aguas de Galicia, pero atopámonos cun problema: dependemos de determinadas institucións para pedir certos permisos e cando conseguimos eses permisos sectoriais pois igual a subvención xa nos caduca”. Nese senso, Enrique Álvarez plantexaba que debería cambiarse ese plantexamento na subvencións porque “non é de recibo é que por fin conseguimos 2 subvencións e que as vaiamos a perder porque non temos tempo suficiente para podelas sacar adiante”.

O delegado da Xunta, Gabriel Alén, respondíalle que precisamente o obxecto destas reunións cos alcaldes “é puntualizar e axudar aos concellos na tramitación das subvencións, recollendo as súas suxestións, para tamén telas en conta de cara a convocatorias futuras”.

Gabriel Alén tamén salientou as propostas da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, de 50.000 euros para as obras de abastecemento, saneamento e depuración en San Miguel de Outeiro, e de 40.116 euros para mellorar os sistemas de depuración do concello.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button