OurenseÚltima hora

Vilamartín, Larouco e Trives, entre os concellos que recibirán axudas para cooperación da Deputación

Así se acordaba na reunión da Xunta de Goberno da Deputación Ourense celebrada nesta mañá
Imaxe da igrexa de Larouco.

Na reunión celebrada pola Xunta de Goberno da Deputación de Ourense neste xoves 11 de outubro aprobábanse axudas por importe de 425.528 euros para concellos, mancomunidades e entidades da provincia para iniciativas deportivas, culturais e de infraestruturas.

No apartado de cooperación con concellos e mancomunidades da provincia, dábase luz verde, entre outras axudas, a 14.909 euros para o Concello de Larouco para a pavimentación e rehabilitación da rúa Igrexa Vella e a 25.000 euros para o Concello da Pobra de Trives para os gastos de funcionamento da Escola de Música e para a adquisición dun piano.

Para o Concello de Ramirás aprobouse unha axuda de 25.000 euros para a adquisición dunha furgoneta para o transporte público municipal, mentres que para o Concello de Vilamartín de Valdeorras aprobouse unha axuda de 13.050 euros para captación de auga no río Farelos, e outra de 17.000 euros para a mellora do firme en Surregos (Córgomo). Para o Concello de Xinzo aprobouse unha axuda de 6.000 euros para a adquisición dun tapiz de ximnasia rítmica, e outra de 126.380 euros para a urbanización da rúa do Peto.

A Mancomunidade de Verín recibirá unha achega de 6.000 euros para a asistencia técnica e para o premio Xesús Taboada Chivite, e outra de 6.292 euros para a un sistema de climatización na nova sede. Para “Terra de Celanova” aprobáronse 50.000 euros para gastos de funcionamento da entidade, e para a Mancomunidade Conso Frieiras, unha axuda de 40.000 euros para a mesma finalidade.

Ademais a Xunta de Goberno aprobou as bases reguladoras da convocatoria do concurso para a concesión de axudas a deportistas ourensáns cualificados en modalidades deportivas individuais durante a tempada deportiva 2017-2018. Estas axudas pretenden fomentar a práctica deportiva e incentivar aos deportistas ourensáns cualificados mediante o recoñecemento da súa traxectoria e rendemento deportivo. A contía máxima da axuda por solicitante é de 3.000 euros.

Artigos relacionados

Back to top button