En portadaÚltima hora

Vilamartín leva anos pedindo un paso elevado ou subterráneo para o cruce coa N-120 no que se producía un accidente esta mañá

O seu alcalde cualifica de moi perigoso tanto este cruce, que está no centro da localidade, como o do empalme coa estrada de Córgomo, e volve a reivindicar unha actuación nestes puntos para evitar máis sinistros
Cruce coa N-120 en Vilamartín no que se producía esta mañá o accidente de tráfico.

 

Lamentablemente para os veciños de Vilamartín non é unha novidade que se produzan accidentes de tráfico como o desta mañá, no cruce central desta vila coa estrada N-120. “Tanto aí, como no empalme coa estrada de Córgomo e San Vicente, téñense producido moitos sinistros e non houbo máis porque os veciños que vivimos aquí tratamos de evitar eses puntos e marchamos moitas veces por outra zonas, facemos quilómetros para non meternos neles”, asegura o alcalde vilamartinés, Enrique Álvarez Barreiro.

Por iso, dende hai xa máis de tres anos solicitáballe ao Ministerio de Fomento un proxecto dun paso elevado ou subterráneo en concreto para eses dous cruces. “Mantivemos conversas con responsables de Fomento para a provincia de Ourense”, prosegue o rexedor vilamartinés, “e plantexámoslle esa actuación e o que nos contestaron de palabra é que para un paso elevado ou subterráneo había que ter cartos e que non había financiación. Entón o que lles propuxemos foi unha rotonda para cada un dos espazos e respondéronnos que ían facer un estudo. Despois eses responsables chamáronme para dicirme que, tal e como está a lei neste momento, as rotondas non son posibles nunha estrada pola que circulan máis de 5.000 vehículos ao día e nesta, polo visto, naquel momento estaban circulando da orde dos 7.000 vehículos”.

 

Os veciños de Vilamartín levan moito tempo pedindo unha solución para este cruce e para o desta mesma estrada coa que vai a Córgomo.

 

Para Enrique Álvarez resulta “inxustificable esta situación” e considera “un escarnio o que pasa con Vilamartín, un pobo que quedou partido no seu momento pola estrada”, é máis tendo en conta que “na provincia de Lugo para aldeas de dez ou quince habitantes hai pasos e iso podemos velo todos, e fixéronnos non hai demasiado tempo. O que non é de recibo é que haxa provincias que se vexan beneficiadas e outras non. Parece que nós en Valdeorras esteamos condenados ao ostracismo, ¿que pasa con esta comarca, que é o que realmente queren facer con nós?”, pregúntase.

Asegura que vai volver a insistir nesa reivindicación porque levar a cabo un proxecto deste tipo evitaría novos accidentes. “O problema é que o feito de que hoxe houbese este accidente non quere dicir que xa non pase máis, é que vai seguir pasando e nós seguiremos reclamando”, di Álvarez Barreiro.

 

O alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez Barreiro./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

“Valdeorras existe”

O alcalde de Vilamartín de Valdeorras lamenta o grave abandono da comarca por parte das Administracións en materia de infraestruturas e pide unha unidade entre concellos e empresarios para reclamar unha resposta ante esta situación que se vén arrastrando.

“É hora de que os políticos, dame igual da cor que sexan, os empresarios e todos os veciños/as da comarca nos poñamos onde nos corresponde para dicirlle a eses señores, tanto de Madrid como de Santiago, que nós existimos é que supoñemos moito. E que aínda que para eles non supoñamos moito, nós, como me din a min os meus veciños todos os días, pagamos impostos para que nos atendan, así que vaian tendo en conta que Valdeorras existe, e se non teremos que empezar a pensar todos moito o que imos a facer. Estamos moi fartos”, resalta Álvarez Barreiro.

Máis información:
https://osil.info/duas-persoas-resultan-feridas-nun-accidente-de-trafico-en-vilamartin/

Artigos relacionados

Back to top button