En portadaÚltima hora

Vilariño de Conso e Viana do Bolo rexistraban na última década 380 incendios en 5 parroquias

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, presidía esta mañá en Vilariño de Conso unha reunión de traballo sobre os lumes forestais
Imaxe dun incendio forestal en Viana do Bolo no pasado verán.

Ourense é a provincia galega con máis parroquias de alta actividade incendiaria (PAAI), 52 dun total de 77 que hai en Galicia, é dicir, case o 70%. Así o sinalaba a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, na reunión que mantiña na mañá do 4 de xuño en Vilariño de Conso sobre as principais causas, consecuencias e particularidades dos lumes que afectan ás parroquias de alta actividade incendiaria nesta zona do oriente ourensán.

Neste senso Vázquez, que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol, Díaz, apuntaba que cómpre reforzar “a coordinación, o control, a sensibilización e a disuasión fronte á actividade incendiaria”. Por este motivo, indicaba, Medio Rural puxo en marcha un calendario de 15 reunións de traballo por toda Galicia (a maior parte delas en Ourense) para intensificar estes traballos por parte dos axentes vinculados directamente ao territorio en cada zona.

 

Un dos momentos da reunión celebrada no Concello de Viariño de Conso.

 

Na xuntanza de Vilariño de Conso participaron a alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía, e o rexedor de Viana do Bolo, Secundino Fernández; representantes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado (Garda Civil e Policía Autonómica) da contorna e técnicos das consellerías do Medio Rural e de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. Segundo Ángeles Vázquez, o obxectivo destas reunións “é facer, entre todos, unha análise pormenorizada do ocorrido a nivel de distrito forestal (neste caso o número XIV, Verín-Viana), co fin de mellorar a investigación e, en xeral, a loita contra o lume antes, durante e despois” de que este se produza.

No caso de Vilariño de Conso e Viana do Bolo, a conselleira sinalou que son 5 as PAAI de ambos concellos e destacou que só nelas houbo ata 380 incendios nos últimos dez anos, que afectaron unha superficie de máis de 4.200 hectáreas. É, pois, “un problema moi serio”, dixo, que require a implicación de toda a sociedade para facerlle fronte.

A conselleira do Medio Rural conversando coa alcaldesa de Vilariño de Conso, na entrada ao Concello.

 

Por último, a conselleira explicou que ao longo desta semana completarase o calendario de xuntanzas de traballo, chegando a cubrir a totalidade das parroquias de alta actividade incendiaria definidas sobre o territorio, nunha “tarefa compartida” de todos os axentes públicos e privados para atallar o problema recorrente dos incendios forestais nestas áreas.

Artigos relacionados

Back to top button