En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Vilariño de Conso pecha con éxito o VI Festival Internacional ViBoMask Mascarada Ibérica

A vila vibraba cos toques dos folións, coas danzas e coa ritualidade de medio cento de mascaradas de inverno da península e de Italia

 

Intensa e vibrante segunda xornada do VI Festival Internacional ViBoMask Mascarada Ibérica en Vilariño de Conso. Multitude de persoas enchían as rúas desta localidade na mañá deste domingo 12 de xaneiro para asistir a un espectacular desfile de ata medio cento de mascaradas de inverno, chegadas dende diferentes aldeas ourensás, así como doutras partes de Galicia, da península e mesmo de Italia, como era o caso dos Mamuthones e Issohadores de Mamoiada (Sardeña, Italia).

O desfile partía dende a zona do Toural e espertaba especial expectación na praza, así como nas proximidades da área recreativa do Cenzo, onde remataba. Como no desfile do sábado en Viana, destacaba a presenza de Entroidos do oriente ourensán con catro fulións de Viana do Bolo cos seus Boteiros, o folión e as Mázcaras de Buxán (O Bolo) ou o Fulión da Mourela p’acá de Manzaneda coas engaiolantes danzas das súas Mázcaras, ademais dos anfitrións: a Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño de Conso cos seus Boteiros.

 

A Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño de Conso, tocando na praza desta vila./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Tamén podían verse outras máscaras ourensás como as do Entroido da Veiga, as Bonitas de Sande (Cartelle), os Galos de San Pedro da Mezquita (A Merca), o Follateiro de Lobios, as Pantallas de Xinzo xunto coa súa banda de gaitas, ademais dos Felos e Madamas de Esgos, entre outras.

Volvían a Vilariño o Entroido de Samede (Paderne, A Coruña), os Merdeiros de Vigo ou as Madamas e Galáns de Cobres (Vilaboa, Pontevedra). Tamén acudía o Oso de Salcedo (A Pobra de Brollón), acompañado dos seus criados.

Había ademais mascaradas de inverno cántabras como o Andruido en La Paré de Piasca (Cabezón de Liébana) e a espectacular e sonora Vijanera (Silió), de diferentes puntos de Castela e León como o Antruejo de Carrizo de la Ribeira (León), xunto cos Diablos e Mascaritas de Luzón (Guadalaxara) e os Joaldunak (Ortuella, Biscaia).

Entre o público, e facendo brincadeiras con nenos e maiores, movíanse os Caretos de Lazarim (Portugal) ao son da música tradicional, así como os Caretos de Parada de Infanções (Bragança) e os Máscaros de Vila Boa (Vinhais), que non estaban no desfile de onte en Viana.

O apartado internacional completábase nesta edición coa participación, por vez primeira, dunha mascarada de fóra da península: os Mamuthones e Issohadores de Mamoiada (Sardeña, Italia). Son dous personaxes moi diferentes pero complementarios, que, no caso dos Mamuthones, sorprenden polas súas peles escuras de ovella, pola súa máscara negra e polo conxunto de pesadas e enormes “campanelle” que portan nas costas e que fan soar de xeito especial mentres desfilan. Xunto a eles van unhas máscaras elegantes, de careta branca e que lanzan a súa corda ás mulleres, os Issohadores.

Esta exitosa sexta edición do Festival Internacional ViBoMask Mascarada Ibérica ten sido organizado por diversas entidades entre as que están os Fulións Rurais de Viana, a Asociación Robreda, a Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño de Conso e a Asociación de Mulleres Rurais Bibei, ademais dos Concellos de Viana e Vilariño.

Fotos: Ángeles Rodríguez/ Carlos G. Hervella.

Máis fotos:
https://osil.info/as-mascaras-de-inverno-da-peninsula-e-de-sardena-engaiolan-ao-publico-en-vilarino-de-conso/
Vídeos:
https://osil.info/videos-do-vi-festival-internacional-vibomask-en-vilarino-de-conso/

Artigos relacionados

Back to top button