ConcellosEn portadaEntroido 2020Última hora

Vilariño de Conso prepárase para o día grande do seu Entroido, o 22 de febreiro

O intenso toque dunha decena de "fulións" e os Boteiros tomarán a vila a partir das 11:30h.

O Fulión de Vilariño de Conso, o pasado ano./ Foto: Ángeles Rodríguez.

 

Se ben o calendario do Entroido de Vilariño de Conso, declarado festa de interese turístico galego, comezaba xa o 13 de febreiro coa Cea de Compadres e continuará o 21 de febreiro co Entroido infantil e coa Cea de Comadres, sen dúbida a súa data de referencia será a do Sábado de Entroido, 22 de febreiro.

Esta  xornada comezará ás 11:30h. co pregón a cargo da Banda de Gaitas de Vilariño de Conso. A partir de aí darase paso, con saída dende o Toural, a un intenso desfile coa participación dunha decena de fulións, precedidos polos seus Boteiros, tanto do municipio como chegados de fóra. Así, está pevisto que participen o Fulión de Vilariño, o Fulión do Val, o Fulión de San Cristobo, Conso e A Veiguiña; o Fulión de Chaguazoso, o Fulión de Mormentelos, o Fulión de Carracedo, o Fulión de Bembibre, o Fulión de Buxán e o Fulión Alternativo de Viana do Bolo.

E despois dos toques de bombos e aixadas, será a quenda da parte gastronómica deste Entroido coa XXXI Festa do Cabrito no pavillón municipal. O seu menú (empanada, chourizo escaldado, cabrito asado de xeito tradicional, bica manteigada, bebidas e licores).

Pola tarde continuará a festa, con exhibición de Boteiros e bombos ás 18h., co ritmo do Disco Gramola ás 19h. e coa Orquestra Olympus. Tamén haberá concurso de disfraces e premios ata a madrugada.

Os actos proseguirán o 23 de febreiro coa visita a unha aldea e cunha pequena representación de versos e de foliada tradicional (18h.), o 24 de febreiro con ronda de folións e cea a base de “porco ó espeto” (18h.), o 25 de febreiro coa queima dos Lardeiros e ronda de folións (18h.) e, finalmente, o 26 de febreiro co enterro da sardiña e sardiñada (ás 19h.).

Estes actos serán organizado polo Concello de Vilariño de Conso e pola Asociación Xuntos polo Fulión.

Artigos relacionados

Back to top button
Close