ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Vilariño de Conso, entre o ritmo dos folións e os saltos dos Boteiros

A vila acollía no mediodía do Domingo Gordo un desfile coa presenza de dez folións do concello, pero tamén doutras zonas próximas como a comarca trivesa e A Gudiña

Os Boteiros e o toque propio do folión de Vilariño de Conso abría o desfile do Domingo Gordo nesta vila. O percorrido partía dende o Toural e, tras percorrer a praza, continuaba ata as proximidades do CEIP San Martiño. Nesta ocasión participaban unha decena de folións, a metade deles do propio concello. Así, ademais do de Vilariño soaban os ritmos de bombos e aixadas dos folións do Val, Conso-San Cristovo-A Veiguiña, Chaguazoso e Mormentelos. Este último caracterízase por ter un toque complementamente diferente e tamén pola singular indumentaria e danza dos seus Boteiros.

Ademais, desfilaban os folións A Caniceira, As Maceiras e A Lardeira (os tres de Trives), o folión de Carracedo da Serra (A Gudiña) e do de Queixa. O desfile pechábase con varias parellas de bois. Tras o atroador son dos folións, que cesaba a partires das dúas e media da tarde, comezaba o XXIX Xantar do Cabrito, que reunía a un milleiro de persoas no pavillón polideportivo da localidade. Foi servido por Mantesil.

Os actos do Entroido de Vilariño de Conso, cuxa organización está en mans da Asociación Xuntos polo Fulión e do Concello, continuarán o martes coa queima dos lardeiros e coa última ronda do fulión.

Fotos: Ángeles Rodríguez

Artigos relacionados

Back to top button