DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Vilela será unha das protagonistas do 3º Gran Premio de Montaña da Rúa

A cita atlética celebrarase este domingo 7 de outubro a partires das nove e cuarto da mañá

Un trail longo de 33,2 quilómetros e case 4.000 metros de desnivel; un trail curto de 15 quilómetros e 2.000 metros de desnivel; e unha andaina de 15 quilómetros. Son as tres modalidades que conforman a 3ª edición do Gran Premio de Montaña da Rúa que se celebrará este domingo 7 de decembro a partires das nove e cuarto da mañá.

A praza da Aira en Vilela será o punto de partida e meta desta edición da carreira que segundo Fernando Navarro, presidente do Club Atletismo Rúa “ganou en cantidade pero sobre todo en calidade”. Nela participará xente destacada no panorama de trails de Galicia como Estivel García ou Lois Boga que ten competido en ultra trails dos Pirineos e actualmente corre cun equipo portugués.

A presentación tiña lugar na tarde do 4 de outubro na adega Alán de Val, membro da Ruta do Viño de Valdeorras (un dos patrocinadores da proba), contando coa presenza de dous membros do club (Fernando Navarro e Isabel Seco), do alcalde da Rúa Luis F. Gudiña e do presidente da Ruta e responsable da adega Joaquín García. No acto, que remataba cun brinde con viño de Valdeorras, Navarro adiantou que a carreira de montaña pasará por lugares tan emblemáticos como a Ponte Pérez, San Xulián e Roblido, atravesando fermosas zonas de viñedos, de aí que a Ruta do Viño colabore economicamente e tamén co sorteo entre os participantes dunha noite na casa de turismo rural Pacio do Sil, tamén en Vilela. “O sorteo farase o domingo despois da carreira e incluirá cea, habitación e almorzo”, puntualizou Joaquín, asegurando que deste xeito unen esforzos para “facer máis Valdeorras”.

Con respecto ás inscricións, Isabel Seco adiantou que andan polas cen esperando superar ou polo menos igualar as 118 do ano pasado. “Están abertas online en galitiming.com ata esta noite ás 00:00h. e presencialmente nas tendas Tri-Sport da Rúa e do Barco ata o mesmo día”, dixo, explicando que o sábado pola tarde xa se entregarán dorsais na praza da Aira de Vilela, ademais do domingo dende as 8 da mañá. Os participantes no trail longo sairán ás 9:15h. os da andaina ás 9:30h. e os do trail curto ás 10h.

O último en intervir na presentación foi o alcalde da Rúa quen asegurou que entre os obxectivos do Concello está a colaboración coas entidades deportivas e culturais da vila. “Neste caso estamos vendo como pouco a pouco o Gran Premio vai adquirindo certa notoriedade e prestixio e esperemos que se vaia consolidando”. Fernández Gudiña asegurou que se trata “dunha oportunidade única para que a xente que veña participar, coñeza A Rúa e Valdeorras, esa paraxes polos que pasará a carreira, que serán sorprendentes dando unha idea do potencial que temos no municipio para este tipo de actividades e outras que se poidan sacar adiante no futuro”, dixo, animando ao club a seguir por este camiño sabendo que “van contar co noso apoio en todo o que poidamos xa que é unha forma de unir o territorio e exportar e dar a coñecer as nosas potencialidades para que a xente quede e desfrute en Valdeorras “.

Fotos: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button