ConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

Viloira (O Barco) recupera a súa feira ao completo, pero con medidas de seguridade

 

Animado ambiente de feira nesta mañá de 6 de xullo en Viloira (O Barco). Por segunda vez, despois do confinamento, celebrábase este mercado tradicional, pero recuperando a súa ubicación habitual e a meirande parte dos seus postos, fronte ás restricións do pasado mes de maio, onde se limitaba unicamente á praza Otero Pedrayo, cun terzo dos postos habituais.

Para garantir as medidas de seguridade, nesta ocasión incorporáronse varias novidades. A Policía Local encargouse de establecer carrís de circulación tanto na praza de Otero Pedrayo como na  rúa Elena Quiroga. En ambas colocábanse valados para que os peóns circulen sempre pola súa dereita, e que non haxa cruces entre eles e se poida manter a distancia de seguridade establecida na normativa sanitaria.

Así o percorrido é o seguinte: a rúa Novelista Elena Quiroga ten sentido único (desde a rúa Elena Quiroga ata ao paseo de Bienvenido Miguélez), e o acceso desde a pasarela peonil sobre o Sil é tamén de sentido único, polo mesmo paseo e cara a praza Otero Pedraio.

As persoas que se acheguen pola feira poderán percorrer uns 80 postos moi diferentes, dende os de produtos agroalimentarios (froita, pan, bacallau…) ata os de prendas de vestir e, por suposto, non faltan os das catro pulpeiras nos lugares habituais.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button