EconomíaEconomíaGalerías de fotosViticultura

“Vinis Terrae” pon en marcha dúas xornadas de negocios co viño galego para exportación

A inauguración deste salón profesional do viño correu a cargo de diversas personalidades públicas como a conselleira do Medio Rural, Ánxeles Vázquez, que destacou a importancia do sector para Galicia

Ourense volve a xirar en torno ao viño. Na xornada de hoxe e mañá, máis de 60 adegas galegas terán a oportunidade de facer negocios cunha comisión de importadores procedentes de máis de 16 países. Unha cita que fai que a cidade das Burgas, e a provincia en xeral, volvan ser o punto de referencia da viticultura galega. Valdeorras, Ribeiro, Monterrei, Ribeira Sacra, Rías Baixas son algúns dos selos que se poderán ver nesta sétima edición de “Vinis Terrae”, salón profesional de viños e licores.

Na mañá de hoxe, 3 de marzo, foron diversas as personalidades políticas e empresarios os que acudiron para inaugurar este salón profesional do viño e licores. Durante a presentación inaugural o presidente do Comité Executivo de Expourense, Juan Carlos Parada, definiu Vinis Terrae como “un punto de encontro para fomentar as exportacións do viño galego”. Tamén engadiu que neste momento as exportacións “están a pasar por un moi bo momento debido á calidade dos viños galegos”. Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, concordou coas declaracións de Parada e apuntou que dende a institución provincial “colaboramos cas catro Denominacións de Orixe que ten a provincia porque cremos que é un sector estratéxico”.

Tamén interveu o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez. O edil principal da cidade dixo que Ourense “quere ser unha terra de iniciativas que axude a desenvolverse aos empresarios”. Ao mesmo tempo, aproveitou a ocasión para convidar a todos os presentes “a que gocen dos encantos da cidade e da provincia”, cousa que xa puideron comprobar onte á mañá durante unha visita guiada que realizaron polo Casco Vello da cidade das Burgas.

Finalmente, a Conselleira do Medio Rural, Ánxeles Vázquez, agradeceu o traballo dos adegueiros e viticultores galegos “os grandes artífices dos grandes éxitos que están acadando os nosos viños no panorama nacional e tamén no eido internacional”, dixo. A titular da carteira de Medio Rural destacou os bos datos do viño galego: “a produción comercializada en 2016 foi de 41,6 millóns de litros, cunha facturación que acadou os 194,2 millóns de euros”. Vázquez fixo un repaso por todas as inversións que a Xunta fixo nos últimos dez anos en materia de viticultura e engadiu que Evega, a estación enolóxica de Galicia, colaborará neste salón como aportación da Consellería do Medio Rural.

Tras a presentación, as personalidades pasearon polos diferentes postos das distintas D.O. galegas, que xa estaban traballando en diversas reunións para presentar o seu produto aos importadores. Dende primeira hora da mañá, os adegueiros e produtores tiveron ocasión de facer varias reunións con estes empresarios. A visita institucional concluíu cunha pequena cata no túnel do viño, onde están presentes a meirande parte das adegas participantes neste salón.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button