En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Viño e comercio únense no XI Mercaberto do Barco

Esta mostra de oportunidades, que promove O Barco Centro Comercial Aberto, terá lugar os días 23 e 24 de agosto

Con moitas novidades chega o XI Mercaberto, a mostra de oportunidades que cada verán organiza O Barco Centro Comercial Aberto (CCA). Unha delas será a súa duración: dous días. Así a mostra celebrarase o 23 e o 24 de agosto no Paseo do Malecón do Barco, tal e como sinalaba durante a presentación deste evento a presidenta desta entidade, Sandra Moldes, que comparecía acompañada polo presidente e vicepresidenta da Ruta do Viño de Valdeorras, Joaquín Sánchez e Montserrat Rodríguez, así como pola concelleira de Comercio do Barco, Irene Dacal, e pola técnica da Ruta, Cristina Núñez .

No seu recinto feiral poderán visitarse unha decena de postos de comercios de diferentes sectores (confección, agasallos, complementos, decoración e tecnolóxico) que ofrecerán ao público oportunidades e interesantes ofertas en diversos produtos. Esta feira abrirá as súas portas o venres 23 de agosto ás cinco e media da tarde e funcionará ata as 23h. Ao día seguinte, reabrirá cun horario ininterrompido de 11h. a 23 h.

 

Establecementos participantes nesta edición do Mercaberto.

Outra das novidades deste Mercaberto serán as súas actividades complementarias, algunhas delas vencelladas co sector vitivinícola e que serán promovidas polo CCA e pola Ruta do Viño de Valdeorras. Denomínanse “Aromas de Valdeorras. Espíritos con vida propia” e inclúen un obradoiro infantil de sabores (gratuíto), dirixido a nenos de entre 5 e 14 anos. Será impartido pola sumiller Mercedes González o 24 de agosto entre as 11:30h. e as 13h. Terá un aforo limitado a 40 cativos e será precisa inscrición previa, tal e como avanzaba a técnica da Ruta do Viño de Valdeorras, Cristina Núñez.

O mesmo sábado pola tarde, entre as 19:30h. e as 21h. realizarase unha “cata a cegas: proba sensorial” (para un máximo de 50 persoas), tamén dirixida pola sumiller Mercedes González. Será necesario anotarse con anterioridade e o seu custo será de 5 euros (teléfono 988 32 11 50).

“Creo que na comarca temos que fomentar a unidade, nós estamos colaborando con diferentes asociacións, con sectores como a hostalaría e os aloxamentos, e neste caso facémolo co comercio. Queremos apostar por amosar o patrimonio vitivinícola da comarca, pero uníndoo tamén co resto do seu patrimonio”, comentaba o presidente da Asociación Ruta do Viño de Valdeorras, Joaquín Sánchez.

Ademais, tanto na tarde do venres como na do sábado (de 18h. a 23h.), haberá inchables para os cativos. E como broche da mostra, o sábado a partires das nove e media está previsto un concerto a cargo do grupo valdeorrés Os Broders.

A presidenta do Barco CCA, Sandra Moldes, agradecía a colaboración dos comerciantes participantes e animaba ao público a visitar o Mercarberto e a desfrutar das súas actividades. Do mesmo xeito se manifestaba a concelleira de Comercio do Barco, Irene Dacal, quen destacaba o esforzo do CCA por promover iniciativas como o Mercaberto que dinamizan á zona.

Fotos: Ángeles Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button