En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Viño e deliciosos pinchos nunha multitudinaria Festa da Vendima de Punxeiro

Este roteiro polas adegas celebrábase na noite do 8 de outubro por décimo ano consecutivo neste pobo de Viana do Bolo

Ao ritmo da música poñíase en marcha a décima edición da Festa da Vendima de Punxeiro (Viana do Bolo) na tarde do 8 de outubro. O sinal dábase dende o alto das escaleiras que conducen á igrexa ante unha praza ateigada de participantes, todos eles ataviados co pano verde da celebración e cunha cunca de barro na man.

Eran as oito e media da tarde e, tras os agasallos e agradecementos, entre eles ás persoas que fan posible que cada ano se desenvolva este evento, abrían as tres primeiras adegas. Os participantes eran guiados ata elas por tres grupos musicais diferentes que animaban, con diferentes ritmos e estilos, o ambiente: Os Bertolini de Manzaneda e as charangas Fuego e Os Escachapeitos.

Servíase viño novo (tinto e branco), acompañado dunha gran diversidade de pinchos tanto fríos como quentes. Tras pecharen as tres primeiras adegas, a festa continuaba polas tres seguintes, que ían marcando os grupos. E tampouco faltaban os pinchos doces, entre eles, saborosas torrixas. E así ata completar un circuíto festivo por ata 18 adegas de Punxeiro.

Pero a celebración non remataba co roteiro, tras o peche das adegas, visitantes e organizadores desprazábanse ata o campo da festa onde actuaban ata ben entrada a madrugada os grupos Assia e Nebraska, seguidos dos Djs Tariro e Eric Macía. Unhas 1.500 persoas (entre visitantes e organizadores) participaban desta exitosa décima edición da Festa da Vendima de Punxeiro.

Fotos: Carlos G. Hervella/ A.R.

Artigos relacionados

Back to top button