En portadaGalerías de fotos

Viños de Valdeorras a ritmo de folk, no Malecón do Barco

Esta festa, que tiña lugar na noitiña do 30 de maio, estaba incluída nas IV Xornadas de Portas Abertas desta denominación de orixe

Visitas guiadas a viñedos e ás instalacións das adegas, así como unha festa do viño no Paseo do Malecón do Barco. Son algunhas das propostas incluídas nas IV Xornadas de Portas Abertas da Ruta do Viño de Valdeorras, que se promove en colaboración coa Xunta.

Esta iniciativa estase a desenvolver na fin de semana do 30 e 31 de maio e enmárcase nunha serie de accións que se realizarán, neses mesmos días, nas denominacións de orixe Monterrei e Ribeira Sacra (nas outras dúas galegas será na primeira fin de semana de xuño) co fin de poñer en valor o enoturismo como unha ferramenta de calidade na diversificación das actividades turísticas nesta comunidade autónoma.

No caso da Ruta do Viño de Valdeorras durante eses dous días poderán visitarse once adegas da denominación, entre as que figuran algunhas barquenses, como Godeval, Virxen de Galir e Roandi. Ademais abrirán as súas portas a Adega Avelina, D’ Berna, Joaquín Rebolledo, Adega da Pinguela, A Coroa, Alán de Val, O Cepado e O Casal.

En cada unha delas ofreceráselles aos visitantes unha degustación gratuíta dun viño e un pincho. As persoas que o desexen poden ir de xeito particular, pero tamén se organizarán rutas en microbús para as que haberá que anotarse previamente.

No programa destacaba así mesmo a celebración o 30 de maio da II Festa “Portas Abertas”, que se organizaba en colaboración co Concello do Barco. Supoñía a colocación dunha serie de expositores das adegas participantes nas xornadas que se instalaban no Paseo do Malecón do Barco. Desenvolvíase entre as 21 e ás 22:30h. Ademais de degustacións (ao prezo dun euro) e de pinchos (a cargo do Piquiño e do Mesón Museo), podía desfrutarse coa actuación do grupo folk valdeorrés Tornaxeira.

Texto e fotos: Ángeles Rodríguez

Artigos relacionados

Back to top button