SanidadeÚltima hora

Vintenove alumnos completan o seu sexto curso de Medicina nos centros sanitarios públicos ourensáns

Co acto de benvida, celebrado esta mañá no Hospital Universitario de Ourense, iniciábase o curso académico 2019-2020

 

O equipo directivo e a Comisión de Docencia da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras recibían este luns 9 de setembro aos vintenove alumnos do grao de Medicina, da Facultade de Santiago, que completarán seu sexto curso nos centros sanitarios públicos de Ourense.

Co acto de benvida, celebrado esta mañá no Hospital Universitario de Ourense deuse apertura ao curso académico 2019-2020 e os alumnos tiveron o seu primeiro contacto co corpo docente da Área Sanitaria, titores e profesores asociados aos que lle corresponderá guiar o itinerario formativo polas diferentes especialidades médicas e cirúrxicas para superar este curso, eminentemente práctico.

Durante este periodo, tamén coñecido como rotatorio, os alumnos vivirán o día a día dos centros sanitarios públicos e das súas diferentes especialidades, o que lles servirá para poñer en práctica seus coñecementos, e tomar contacto cos pacientes e o propio sistema sanitario público, polo que esta etapa resulta clave tamén para definir súas preferencias de cara a súa futura formación vía MIR.

Este programa docente, baseado na rotación por especialidades, céntrase en sete áreas: clínica médica; clínica cirúrxica; urxencias e servizos centrais; clínica obstétrica e xinecolóxica; clínica pediátrica; clínica psiquiátrica e medicina familiar e comunitaria.

Durante este período lectivo, os alumnos cumpren un horario de 8.00 á 15.00 horas, ademais de realizar gardas, convivindo no día a día cos médicos adxuntos dos diferentes servizos e tamén cos residentes en formación, polo resulta unha experiencia inmersiva no día a día da súa futura profesión.

Os alumnos de medicina foron recibidos polo presidente da Comisión de Docencia, Jesús García Mata, xefa de estudos da Unidade Docente Multiprofesional de Atención Familiar e Comunitaria, Sandra Pardo, e o director de Procesos Asistenciais, Javier Puente, ademais de polos seus titores e profesores asociados.

Artigos relacionados

Back to top button