ConcellosÚltima hora

Visita á Estación de Montaña de Manzaneda da conselleira de Política Social

Fabiola García facía balance das actividades postas en marcha ao abeiro da campaña de verán da Xunta

 

A Estación de Montaña de Manzaneda era o lugar escollido pola conselleira de Política Social, Fabiola García, para facer balance das actividades postas en marcha ao abeiro da campaña de verán da Xunta de Galicia. Así, a conselleira poñía en valor “os grandes recordos, experiencias e amizades” que a mocidade galega obtivo nos campamentos de verán do 2021 e salientaba que “despois dun ano cheo de incertezas e de malas noticias, a mocidade puido vivir por fin un verán inesquecible, cheo de bos momentos e lembranzas”. Nesta edición a Xunta puxo á disposición das mozas e mozos de entre 9 e 30 anos todo tipo de actividades que ofertaron 7800 prazas, mil máis que o ano pasado.

Leváronse a cabo campamentos en 35 espazos diferentes da nosa comunidade; campos de voluntariado en 40 localizacións; estadías en 13 aloxamentos turísticos da comunidade a través dos minicampamentos ‘Coñece Galicia’ ou cinco intercambios con outras comunidades, que se puideron recuperar este ano logo de suspendelos na pasada edición pola situación epidemiolóxica.

Preto de 200 quendas

Celebrábanse preto de 200 quendas e máis de 1200 contratos a profesionais do tempo libre, segundo a conselleira, que tamén destacaba que na campaña ‘O verán que mereces’ foi clave a experiencia adquirida o ano pasado, cando Galicia foi das poucas comunidades que mantivo os campamentos. De novo, resaltaba, “foi fundamental a correcta aplicación do protocolo establecido pola Xunta, que foi actualizado e adaptado á situación epidemiolóxica”.

Entre algunhas medidas contempladas destacaba a redución do aforo nas instalacións, a formación de grupos pequenos de actividades e a realización de teste antíxenos, un á entrado no campamento e outro á metade da quenda.

Artigos relacionados

Back to top button