ConcellosQuiroga

Visita aos terreos nos que se vai construír o novo cemiterio municipal de Quiroga

 

Avanza a construción da nova rúa da vila de Quiroga que, cunha lonxitude de 200 metros e unha anchura de 16 m., unirá a rúa Tallos coa Rego da Silva e que ademáis dará servizo ao novo cemiterio.
Precisamente no cemiterio, tras o acondicionamento dos terreos, está a piques de comezar a súa construción.

Nunha superficie de 3.370 m2 dotarase a Quiroga dun novo lugar de enterramento e ademais, mediante dúas ramplas, unha delas apta para vehículos funerarios, conseguir mellor accesibilidades ao cemiterio existente. O lugar no que se construirán estas ramplas foi o que quixo comprobar o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, na visita que vén de realizar a estes terreos.

 

 

O novo camposanto contará con 1.138 unidades de enterramento, entre panteóns e nichos e 120 unidades de columbarios para acoller cinzas. Dentro do recinto crearase unha rúa principal en diagonal da que sairán varias rúas que facilitarán o acceso tanto ás zonas de nichos, panteóns e local de culto aconfesional, así como aos demais servizos. Todo o cemiterio estará pechado cun muro de formigón visto.

“Aínda que o novo cemiterio estará unido ao actual, o anterior seguirá sendo de carácter eclesiástico e o novo será municipal, polo que o seu terreo será tamén da súa propiedade, matiza o Concello de Quiroga. Para o seu bo funcionamento levouse a cabo un acordo co Bispado de Lugo para que o Concello se encargue do mantemento dos dous e a Igrexa será quen se encargue da documentación en canto a asentamentos e rexistros tamén dos dous.

Artigos relacionados

Back to top button