ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Visita da conselleira de Política Social á Casa Niño da Veiga

Fabiola García anunciaba que este será un dos concellos que contarán cunha Casa do Maior, un novo recurso co que se atenderá a persoas de máis de 60 anos con dependencia moderada ou severa en municipios de menos de 5.000 habitantes

Ata A Veiga desprábase na mañá do 4 de febreiro a conselleira de Política Social, Fabiola García, para visitar a Casa Niño que funciona neste municipio valdeorrés, “O Meniñeiro”. No decurso desta visita, na que estivo acompañada polo alcalde veigués, Juan Anta, anunciaba que hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a resolución da última convocatoria de axudas para a creación de 15 novas Casas Niño noutros tantos concellos rurais de menos de 5.000 habitantes.

Fabiola García salientou que a apertura destas casas niño, gratuítas para as familias, elevan ata as 305 as prazas públicas para nenas e nenos de 0 a 3 anos repartidas por toda a xeografía galega nun total de 61 casas. Máis da metade delas, 32, están na provincia de Ourense. Das 15 que se van a poñer en marcha este ano, 7 farano na provincia da Coruña, 5 na de Ourense (entre eles o de Petín) e 3 na de Lugo.

Ademais, a conselleira asegurou que a Xunta de Galicia xa traballa na que será a cuarta convocatoria deste programa, á que se poderán presentar 36 concellos e que se prevé que saia adiante durante o primeiro semestre deste ano. Esta nova orde de axudas para abrir Casas Niño terá un orzamento de 1,2 millóns de euros, dos cales 225.000 euros se destinarán a subvencionar o investimento necesario para adecuar a vivenda, e os 980.000 euros restantes para sufragar o desenvolvemento do proxecto.

Con esta futura liña de financiamento espérase financiar outros 15 centros, de xeito que Galicia poderá acabar a presente lexislatura con 76 Casas Niño, é dicir, 380 prazas públicas para nenas e nenos de 0 a 3 anos no rural galego.

Casas do Maior

Fabiola García recordou que este non é o único servizo que a Xunta de Galicia pon a disposición das familias para favorecer a conciliación da súa vida profesional coa persoal. Así, a conselleira apuntou tamén que se acaban de resolver as axudas para a creación das primeiras 30 Casas do Maior que se instalarán en 25 concellos de menos de 5.000 habitantes.

Neste sentido, destacou que A Veiga será un dos concellos que contará con este novo recurso que atenderá a persoas de máis de 60 anos con dependencia moderada ou severa. Polo tanto, este concello ourensán será un dos que poderá contar cunha Casa Niño e cunha Casa do Maior a partir deste mesmo ano.

Artigos relacionados

Back to top button