ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Visita da directora xeral de Urbanismo ao Barco de Valdeorras

Veu comprobar o resultado das obras de renovación das infraestruturas na avenida da Deputación

Dende hai xa uns meses, o tramo da avenida da Deputación no Barco de Valdeorras, comprendido entre as rúas A Veiguiña e Constitución, presenta nova imaxe. Trátase dunha obra encadrada no Plan Hurbe que desenvolve a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, que a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, visitaba na mañá do 6 de outubro.

Tal como explicou a propia directora xeral “trátase dun investimento duns 200.000 euros que conleva toda a renovación dos servizos urbanísticos da rúa que permite dotala de beirarrúas a ámbolos dous lados con perfecta accesibilidade a persoas con mobilidade reducida e circulación con seguridade para as familias con meniños en silla, da man,…”, dixo, facendo especial fincapé en que se trata dunha zona da vila “cun bo desenvolvemento urbano residencial que acolle familias con nenos, nun ambiente onde, a área recreativa do río, a pista deportiva e a proximidade do colexio, supón afluenza de moitos xoves e constitúe un novo polo de atracción”.

Con respecto á perda de aparcamentos polas obras, Rivas asegurou que foi importante dotar á rúa de dobre sentido de circulación e ensanchar as beirarrúas e, “para que cumpran os parámetros de accesibilidade universal só pode haber aparcamentos por un lado. Nestas zonas, cando hai que elixir entre unhas poucas prazas de aparcamento e facilitar ese acceso ás persoas con capacidade reducida ou facilitar a circulación de familias, a decisión parece sinxela”.

Da mesma opinión é o alcalde do Barco, Alfredo García, quen asegurou que “aquí non hai problemas de aparcamento, pero claro non todo o mundo pode aparcar diante da súa casa. Ao facer de sentido único á rúa que bordea á urbanización O Chao hai prazas suficientes para todos os coches que hai na zona, dando por sentado que o que ten garaxe non o deixe na rúa”, dixo. Aínda así, asegurou que “seguimos facendo xestións para conseguir un aparcamento público nun terreo privado”, incidindo en que “o que non nos parece correcto e imos tentar evitalo, é que se aparque nos terreos privados da urbanización porque utilízanos os nenos para xogar e non é razoable que anden entre os coches. Se hai que elixir entre nenos e coches, o Concello elixe nenos”.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button