EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Visita de blogueiros e prensa especializada á D.O. Valdeorras

A viaxe, a primeira deste tipo promovida polo Consello Regulador, pretendía achegar os viños desta zona a un publico máis novo, consumidor maioritario de contidos dixitais

 

O grupo de blogueiros e prensa, co presidente e vicepresidente do CRDO Valdeorras e co seu director técnico, no Miradoiro do Barranco Rubio na Rúa./ Foto: CRDO Valdeorras.

Na fin de semana do 26 e 27 de maio un grupo de nove persoas, formado por blogueiros e prensa especializada en viño, visitaban a Denominación de Orixe Valdeorras. “A impresión que
levan é moi positiva a nivel global. Moitos deles xa coñecían os nosos brancos e, sobre todo, transmitíronnos que lles sorpendeu enormemente a calidade dos nosos tintos”, segundo valora o presidente do CRDO Valdeorras, José Luis García Pando, tras a visita.

O grupo percorría os principais puntos de interese turístico de Valdeorras e descubría o engado das covas e da gastronomía da comarca, ademais de asistir a unha cata comentada na sede do Consello Regulador, na que puideron probar diversas referencias de adegas valdeorresas.

Esta é a primeira viaxe deste tipo que se promove dende o órgano réctor. “A iniciativa xurdiu a partir do grupo de goberno do Consello e tamén de adegas que pensamos que hai que buscar novas vías de promoción e que esta é interesante porque axuda a divulgar a singularidade do noso territorio entre a xente máis nova”, comenta García Pando.

Así unha das pretensións desta viaxe era achegar os viños valdeorreses a un público de menor idade, consumidor maioritario de contidos dixitais. Espérase que, tras esta visita, os blogueiros e os xornalistas publiquen informacións e artigos de opinión sobre o potencial vitivinícola do territorio amparado.

“En paralelo, durante toda a fin de semana dinamizaron os perfís de redes sociais dos seus medios con contidos concretos da viaxe”, segundo o CRDO Valdeorras.  Os participantes procedían de diversas cidades españolas tales como Madrid, Málaga, Valencia ou Bilbao, entre outras.

Artigos relacionados

Back to top button