PolíticaÚltima hora

Visita de Eva Solla, deputada de AGE, ao HCV

Tras percorrer o hospital valdeorrés anunciaba que levará ao Parlamento galego cuestións como a mellora do transporte en casos de emerxencias
A deputada autonómica de AGE, Eva Solla, tras visitar o HCV./ Foto: Carlos G. Hervella.
A deputada autonómica de AGE, Eva Solla, tras visitar o HCV./ Foto: Carlos G. Hervella.

Apenas unha semana despois de achegarse ata o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), a deputada de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) no Parlamento galego, Eva Solla, viaxaba ata O Barco o 19 de abril para coñecer de preto a realidade do Hospital Comarcal Valdeorras (HCV).

A primeira hora da mañá mantiña un encontro coa xunta de persoal, que lle trasladaba as súas principais demandas , e despois era recibida polo xerente do hospital valdeorrés e realizaba unha visita con responsables de enfermeiría, de servizos xerais e de distintas áreas deste centro sanitario.

Solla atendía aos medios de comunicación no exterior do HCV./ Foto: Carlos G. Hervella.
Solla atendía aos medios de comunicación no exterior do HCV./ Foto: Carlos G. Hervella.

“A intención era coñecer a situación do centro, as demandas dos traballadores e as propostas que se ten por parte da xerencia de cara a cousas que hai que mellorar. Foi unha visita cordial”, comentaba Solla ao remate da mesma, “e eu quero amosar o agradecemento ao persoal que me acompañou e ás súas explicacións”. Tamén apuntaba que unha das cuestións que lle trasladaba a xunta de persoal era a relativa á ” xestión integrada. E, aínda que é certo que dende a xerencia se defende que algunhas intervencións están mellor facéndoas en Ourense, os traballadores nos trasladan que se restou volume, non en concreto no número de especialidades, senón no tipo de intervencións que antes se facían máis neste centro”.

Outras das problemáticas que lle presentaban era a do transporte urxente. “Comentaban traballadores, e incluso responsables do centro, que o transporte en helicóptero para casos de emerxencia é bastante deficiente, que levan anos con bastantes problemas e nos solicitaron se podíamos trasladalo e iso faremos, levalo unha vez máis, porque xa se debateu nalgunha ocasión, ao Parlamento de Galicia”, engadía Solla.

Asemade entre as demandas que lle sinalaba a xunta de persoal estaban a necesidade dun maior investimento no HCV e de “coordinación co nivel sociosanitario, que non se está a facer aínda correctamente pola cantidade de persoas maiores e de residencias que hai,  hai que implementar melloras. E isto tamén será unha das cousas que trasladaremos ao Parlamento”.

Artigos relacionados

Back to top button