SanidadeÚltima hora

Visita do conselleiro de Sanidade ás obras de mellora no Centro de Saúde de Rairiz de Veiga

Executouse a reparación da cuberta cun orzamento de mais de 37.000 euros a través dun convenio entre Xunta e Concello, ao tratarse dun edificio municipal

 

O conselleiro de sanidade, Julio García Comesaña, acompañado da alcaldesa de Rairiz de Veiga, Asunción Morgade; do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; e da Directora de Atención Primaria da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Isabel Gómez, supervisou o resultado das obras de reforma acometidas o ano pasado no centro de saúde de Rairiz de Veiga, froito dun convenio de colaboración entre Xunta e goberno local ao tratarse dun edificio de titularidade municipal.

A actuación foi acordada nunha audiencia que a alcaldesa mantivo en novembro de 2020 co entón presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. A partir dese compromiso, o concello comezou a tramitar as actuacións necesarias para a correcta execución das obras coa redacción do documento técnico necesario para a execución das obras e a súa licitación mentres a Consellería de Sanidade tramitaba un convenio para colaborar co seu financiamento, que foi asinado en marzo de 2021 cun orzamento de máis de 37.000 euros.

As obras consistiron na reparación da cuberta, levantando a vella, cun importante deterioro na meirande parte das tellas e executando a súa substitución por novas tellas cerámicas, ademais de reparar o sistema de canalóns, procedendo tamén á súa limpeza e á revisión das conexións coas baixantes de pluviais.

O conselleiro lembrou que non é a primeira mellora experimentada polo centro de saúde de Rairiz de Veiga nos últimos anos pois, froito do investimento de 8 millóns de euros en equipamento derivado do Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021, este centro recibiu un novo electrocardiógrafo.

Ademais, o Concello de Rairiz de Veiga recibe anualmente máis de 9.600 euros da Xunta para afrontar os gastos de mantemento deste centro desde que no 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local, comezou a incluír a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde de titularidade municipal.

No orzamento para 2022, a Xunta reforzou unha vez máis o seu apoio a estas entidades locais e incrementou ata os 2,4 millóns de euros a partida –un 14%-. Así, desde o 2017 a Xunta de Galicia ten destinado 10,7 millóns de euros a financiar os gastos de funcionamento de 156 centros de saúde de titularidade municipal, cantidade que en concreto para a provincia de Ourense ascendeu a 2,6 millóns de euros.

Artigos relacionados

Back to top button