SanidadeÚltima hora

Visita do presidente da Xunta ás novas instalacións do Centro de Saúde de Paderne de Allariz

 

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacaba esta mañá a construción ou renovación na última década de 38 centros de saúde en concellos de menos de 5.000 habitantes. Facíao durante unha visita ás instalacións do novo Centro de Saúde de Paderne de Allariz. Ademais aseguraba que a Xunta continuará “coa aposta pola atención primaria cun incrementou un 108% as partidas nos orzamentos deste 2021 para este eido, ademais de garantir a construción ou renovación nesta lexislatura de 39 centros de saúde máis, dos cales 9 xa están executados”.

Ademais Feijóo dixo que a mellora da sanidade no eido rural complétase cos investimentos que se están a executar nos hospitais comarcais. Así, na provincia de Ourense destacou, no hospital de Valdeorras as obras nas consultas externas e a licitación, por un importe de 1,4 millóns de euros, da reforma do hospital de día, farmacia e cirurxía ambulatoria; e, no hospital de Verín, referiuse ao proxecto de reforma das urxencias, cun investimento de 2,4 millóns. “E neste mesmo mes de abril presentaremos un novo edificio do Hospital Universitario de Ourense para seguir coa súa ampliación”, engadiu.

Por último, e en relación á pandemia, o responsable do Executivo galego aseverou que, en liña co previsto pola UE para facilitar unha mobilidade segura, Galicia xa está a traballar nun certificado dixital no que cada galego poida acreditar se foi vacinado no Servizo Galego de Saúde, se pasou a enfermidade ou os test aos que foi sometido neste tempo e os seus resultados. “Adiantámonos así ao certificado verde dixital no que está traballando a Unión Europea”, dixo, subliñando que o certificado galego estará dispoñible “xa neste mes de abril” a través das aplicacións móbiles PassCovid, E-Saúde e SergasMóbil.

Artigos relacionados

Back to top button