ConcellosÚltima hora

Visita do presidente da Deputación ao Carballiño e Boborás

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, visitou hoxe, 9 de febreiro, os municipios do Carballiño e Boborás, dentro da rolda que está a realizar polos concellos da provincia de Ourense. Nestes dous concellos, o presidente do goberno provincial visitou infraestruturas viarias, deportivas e de servizos, realizadas coas aportacións económicas da Deputación.

No Carballiño, acompañado polo alcalde Francisco Fumega e membros da corporación local, así como por directivos do Club Deportivo Arenteiro, Manuel Baltar visitou o estadio municipal de Espiñedo, no que se levaron a cabo obras de mellora nos vestiarios e aseos, e posteriormente, os accesos ao balneario de Caldas de Partovia e a rúa Otero Pedrayo, nos que se realizaron obras de asfaltado e acondicionamento.

O alcalde agradeceu ao presidente da Deputación a colaboración que vén mantendo a institución provincial co Concello do Carballiño, e o titular do goberno provincial felicitou ao Club Deportivo Arenteiro, “un emblema do Carballiño e da provincia, que leva máis de seis décadas promovendo o deporte nesta vila”. Baltar destacou que a cooperación entre administracións “é básica para levar adiante iniciativas a prol do interese común dos cidadáns”, e remarcou que O Carballiño “é a vila termal por excelencia, chamada a ter un protagonismo destacado a nivel nacional”. Precisamente, neste ámbito do termalismo dixo que a Deputación “elaborou o Plan “Ourense, a provincia termal”, a iniciativa do deputado de Termalismo daquela, Argimiro Marnotes, e hoxe en día vemos xa importantes resultados como foi o balneario de Caldas de Partovia en 2017, e neste 2018 o novo balneario en Berán. Somos o territorio de Europa con maior potencial termal e temos que seguir traballando na súa promoción e desenvolvemento”, expresou Manuel Baltar.

En Boborás, o presidente do goberno provincial foi recibido na Casa do Concello polo alcalde, Cipriano Cammaño, e pola tenente de alcalde e concelleira de Cultura, Patricia Torres, con quen analizou temas de cooperación entre ambas administracións, visitando posteriormente a contorna do colexio público “Nosa Señora de Xuvencos”, para coñecer as necesidades municipais nesta zona, referidas aos ámbito das infraestruturas viarias, culturais e de servizos.

Artigos relacionados

Back to top button