OurenseÚltima hora

Visita á Ribeira Sacra no marco do congreso de San Martiño de Tours

As conferencias da 4ª xornada desenvolvéronse na Facultade de Historia da Universidade de Vigo, no Campus de Ourense
Visita ao Mosteiro de San Pedro de Rocas.
Visita ao Mosteiro de San Pedro de Rocas.

Segundo o previsto os participantes no congreso internacional sobre San Martiño de Tours seguen a coñecer o patrimonio histórico e natural da provincia de Ourense cunha visita de estudo aos Mosteiros de San Pedro de Rocas, Santa Cristina de Ribas de Sil, e ao Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil que tiña lugar na mañá do xoves 17 de novembro.

Pola tarde, as actividades trasladábanse á Facultade de Historia da Universidade de Vigo no Campus de Ourense, cos relatorios centrados na evolución dos diferentes núcleos episcopais, na antigüidade tardía, nos séculos V e VII. Os ponentes ofreceron un panorama actual sobre a evolución dos bispados nesta época segundo os datos proporcionados polas escavacións arqueolóxicas que se realizaron recentemente. Antonio Rodríguez Colmenero da Universidade de Santiago de Compostela presentou a evolución da fundación da cidade de Lugo ata que se converte en bispado, a partir das últimas novidades froito das escavacións arqueolóxicas realizadas nos últimos anos. José Suárez Otero, da Universidade de California fixo un repaso pola transformación do núcleo primitivo de Santiago ata que se conforma a Catedral e o entorno de Santiago, entre os séculos V e VII a partir dos datos arqueológicos.

Tralo descanso, Fermín Pérez Losada da Universidade de Vigo falou da evolución da cidade e do bispado de Tui e o seu territorio partindo, novamente, dos datos proporcionados polas escavacións arqueolóxicas realizadas recentemente. E por último, José Avelino Gutiérrez González da Universidade de Oviedo fixo un repaso pola evolución da cidade e bispado de León, así como do seu territorio na Antigüidade tardía, a través dos datos arqueológicos.

Mañá venres, 18 de novembro, nesta última xornada no marco do Congreso Internacional de San Martiño de Tours, as actividades comezarán cunha visita de estudo a Cea, onde realizarán un pequeno tramo a pé da Vía da Prata do Camiño de Santiago e a chegada ao Mosteiro de Oseira onde con visita guiada e xantar.

Pola tarde, a programación continuará no Pazo de Vilamarín coa intervención de Miguel Alba Calzado do Consorcio Monumental da Cidade de Mérida, que presentará “Augusta Emerita e a cristianización da cidade na Antigüidade tardía”. Seguidamente, intervirá Luis O. Fontes da Unidade de Arqueoloxía da Universidade do Minho, Braga, quen falará de “Bracara, capital do Reino Suevo: a cidade e o territorio ao tempo de São Martinho de Dume”. Despois do descanso, será a quenda para Virgilio Lopes do Campo Arqueolóxico de Mértola, que presentará “Mértola, de portus a cristiana ciuitas”. Finalmente, o acto de clausura dará comezo ás 21.00 horas, que rematará cunha cea.

Artigos relacionados

Back to top button