EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaVídeos

Visitas a granxas de Vilariño de Conso e Lentellais (O Bolo) dentro do proxecto europeo Bioheritage

As explotacións A Ciruxana e a Granxa Escola A Capilla, con gando de razas autóctonas galegas, recibían unha visita de membros españois e franceses desta iniciativa

 

O gando de razas autóctonas como parte esencial dos espazos naturais protexidos. Este é o piar do proxecto europeo “Bioheritage”, promovido por un consorcio de oito socios de España, Portugal e Francia. Esta iniciativa aposta pola potección e fomento dos espazos naturais, dedicando especial atención ás razas gandeiras autóctonas como patrimonio de biodiversidade e activo ecoturístico.

Algúns dos membros españois e franceses deste programa realizaban nesta semana unha viaxe pola provincia de Ourense. Estaba organizada pola Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga) co fin de amosar a experiencia de recuperación e traballo coas razas galegas nesta zona.

“Boaga é unha federación integrada por 8 asociacións de criadores de razas autóctonas de Galicia que están en perigo de extinción. Cinco delas son de vacún: A Cachena, a Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa. E logo están a Ovella Galega, a Cabra Galega e a Galiña de Mos. Estamos no proxecto europeo Bioheritage, entre países limítrofes (neste caso España, Portugal e Francia) coa idea de poder integrar parques naturais e razas autóctonas como elementos intimamente ligados. E nese proxecto levamos dous anos. A idea é intercambiar experiencias, que sempre se aprende moitísimo”, explicaba o director de Boaga, José Ramón Justo.

 

José Ramón Justo director de Boaga./ Foto: O SIL.

 

O percorrido comezaba o 3 de novembro en Coles, cunha visita ás instalacións do Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia e sede de Boaga, continuaba cunha parada en Xantar, Salón Internacional de Turismo Gastronómico de Ourense, en Expourense, e logo viña unha visita á explotación de Juan Manuel Lage Cid en Foncuberta (Maceda), coas razas de vacún Caldelá e Galiña de Mos.

 

Visita á granxa Ciruxana, no municipio de Vilariño de Conso./ Cedida.

 

Xa o día o 4 de novembro achegábanse a unha explotación de raza autóctona limiá na Reserva da Biosfera na área de Allariz e logo visitaban a explotación A Ciruxana en Vilariño de Conso, nas proximidades do Parque Natural do Invernadeiro, que ten Ovella Galega. “Resulta moi enriquecedor compartir experiencias con gandeiros doutros que, ao final, teñen as mesmas problemáticas ou moi parecidas ás nosas. Son gandeiros de zonas de alta montaña, de parques naturais ou de Rede Natura”, explicaba Xoán González, de A Ciruxana, que guiaba aos visitantes pola súa explotación.

O percorrido concluía na Granxa Escola de Lentellais (O Bolo), onde contan con razas autóctonas de Galiña de Mos e Ovella Galega.

 

 

“O que queremos dende Boaga e dende os criadores é lograr completar o ciclo económico e que poida haber persoas que fagan disto o seu medio de vida. Agora estamos na Granxa Escola A Capilla, que ten a súa propia gandería e que ademias pecha o ciclo co produto elaborado. E para iso traballamos para que a xente teña unha actividade económica que poida desenvolver un modo de vida no rural e que, o día de mañá, deixen de estar en perigo de extinción estas razas”, resaltaba José Ramón Justo.

 

 

Os participantes na visita facían unha valoración moi positiva da experiencia. Así llo explicaba ao Periódico O SIL un deles, o francés Laurent Levoyer, do PNR Pyrènèes Ariégeoises. “Realmente dende que empezou a visita pola provincia descubrimos, realmente, un paraíso porque encontramos xente que coñece o que di, vimos animais moi bonitos, paisaxes que non coñecíamos e por iso é moi interesante. Nós vimos do Pirineo, que non está tan lonxe de aquí, pero é moi diferente disto. O máis interesante para nós está sendo a xestión das razas autóctonas, iso danos ideas para facer algo semellante en Francia”.

Artigos relacionados

Back to top button