CulturaCulturaÚltima hora

Visitas guiadas para nenos polo Mosteiro de Celanova, nos meses de xullo e agosto

Da man da Fundación Curros Enríquez os cativos seguirán os pasos de San Rosendo para coñecer como se vivía no cenobio de San Salvador

Os máis pequenos son os destinatarios da nova iniciativa posta en marcha pola Fundación Curros Enríquez e o Concello de Celanova relacionada co Mosteiro de San Salvador de Celanova.

Dende mañá día 14, todos os venres de xullo e agosto ás 11:30 horas, partirá da oficina de turismo esta nova visita de carácter gratuíto. Cunha duración aproximada dunha hora o aforo será de 20 nenos como máximo.

Tal como explican dende a organización, seguindo os pasos do fundador, San Rosendo, os asistentes retrocederán máis de mil anos, para coñecer o uso que se lle daba ás dependencias que actualmente teñen acceso desde o claustro barroco como a cociña, o refectorio, a horta da Capela de San Miguel ou a igrexa. Da man dun dos guías da Fundación Curros Enríquez ou da oficina de turismo “iremos coñecendo o uso actual e o orixinal destes espazos atopándonos neles unha pequena simulación da man da personaxe de San Rosendo, que ademáis de abade foi tamén un simple monxe en Celanova”.

 

Cartel das visitas ao mosteiro.

Tras iniciativas como o programa escolar “Ven coñecer a Celanova de Curros e Celso Emilio”, as visitas teatralizadas nocturnas polo Mosteiro e por Vilanova dos Infantes ou os micro concertos de órgano para grupos concertados, xurdia acomezos de ano a posibilidade de ampliar os destinatarios das visitas organizadas pola vila de Celanova e arredores. “Pensando nun primeiro momento en centros escolares de primaria que xa comezaron a solicitar a realización de visitas por Celanova, Castroamo e Vilanova dos Infantes a través da Fundación Curros Enríquez, xurde a idea de organizar unha visita centrada non tanto na parte artística do edificio senon na vida que tería en tempos anteriores á desamortización, cando os monxes habitaban, traballaban e daban vida a este mosteiro”, explican dende a Fundación, apostando por unha visita cun carácter máis didáctico” .

Nas imaxes (cedidas) podemos ver os alumnos do CEIP de Sandiás, os primeiros en participar na proba desta visita.

Artigos relacionados

Back to top button