CulturaCulturaÚltima hora

Visitas teatralizadas ao Mosteiro de San Pedro de Rocas

O teatro envolverá o emblemático espazo do 6 de agosto ao 17 de setembro
Presentación das visitas teatralizadas a San Pedro de Rocas.
Presentación das visitas teatralizadas a San Pedro de Rocas.

O teatro chega ao Mosteiro de San Pedro de Rocas a través dunha serie de visitas teatralizadas programadas para todos os mércores e domingos, desde o día 6 de agosto ata o 17 de setembro, ás 22 horas. Unha iniciativa cultural que era presentada na mañá do 1 de agosto no Centro Cultural Marcos Valcárcel, nun acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde do Concello de Esgos, Mario Rodríguez; e o actor responsable do proxecto, Darío Ángel Rodríguez.

Tal como avanzaron na presentaciónma trama das visitas remóntase ao século XII cando un cabaleiro medieval busca sosego espiritual no mosteiro. En soños, a figura dun dos seus lendarios monxes sérvelle de guía para facer un percorrido pola historia dun cenobio singular e os seus moradores. A representación consta de aproximadamente sete escenas, e a clave destas visitas é “a interactuación, para que os espectadores coñezan máis o conxunto, a súa historia, e a cultura galega, cunha duración aproximada de 55 minutos, nas que poderán participar en cada representación un grupo de 25 persoas”, dixo Darío Ángel Rodríguez.

As visitas comezan na explanada do mosteiro coa recepción aos espectadores, onde se lle fará entrega a cada un deles dunha vea que conservarán durante a primeira parte da función. Ademais, a música ocupará un papel importante durante o percorrido, con melodías medievais interpretadas e cantadas en vivo, empregando instrumentos coma a zanfona e a gaita.

Os interesados en asistir a estas visitas, poderán facelo de forma gratuíta inscribíndose previamente no Concello de Esgos (988 29 00 00), ou no Centro Cultural Marcos Valcárcel (988 31 78 95).

Artigos relacionados

Back to top button