CulturaÚltima hora

Vítor Nieves inaugura mañá un encontro internacional de fotógrafos na Coruña

O fotógrafo da Gudiña dará unha conferencia dentro da programación de Territorio Expandido
O fotógrafo da Gudiña, Vítor Nieves, é un dos promotores de Territorio Expandido.
O fotógrafo da Gudiña, Vítor Nieves, é un dos promotores de Territorio Expandido.

O fotógrafo da Gudiña, Vítor Nieves, estará esta fin de semana na Coruña co gallo da inauguración de Territorio Expandido, un proxecto no que participan artistas procedentes de Galicia, Portugal e Brasil. Está organizado polo equipo do festival Outono Fotográfico, do que o ourensán forma parte como curador, en colaboración co festival portugués Encontros da Imagem, o brasileiro Encontros de Agosto e está promovido pola Deputación da Coruña.

O evento xira arredor dunha temática clara: a fotografía contemporánea. Na primeira xornada, a de mañá, o programa concentra os actos principais da proposta, que comezarán sobre as 17.30 horas, no Salón Juanjo Gallo no ente provincial. Haberá obradoiros, palestras, presentación de libros, encontros e unha exposición na rúa.

O propio Nieves participará cunha charla xunto a Patrícia Veloso para falar e analizar o estado actual da fotografía contemporánea e a importancia da criación de lazos internacionais. Na xornada do sábado tamén haberá algunha conferencia. Por esta xuntanza aberta pasarán tamén profesionais como Daniel Díaz Trigo, Berto Macei, José Romay ou Eva Díez, gañadores do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, ou artistas estranxeiros como Paulo Catrica, Gentil Barreira ou Ângela Ferreira.

Asimesmo, dende a organización anuncian que aínda está aberta a inscrición para os tres obradoiros fotográficos que se celebrarán nas xornadas do sábado e do domingo. A iniciativa está presentada polo director do Outono Fotográfico Xosé Lois Vázquez e o seu curador, Vítor Nieves.

Os que desexen participar nos obradoiros, poden obter a ficha de inscrición gratuita e o resto da programación na web territorioexpandido.com.

Artigos relacionados

Back to top button