OurenseÚltima hora

Vivenda investirá dous millóns en rehabilitar dous edificios no Casco Vello de Ourense

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, visitou hoxe os traballos de rehabilitación nun edificio no barrio histórico da cidade, na rúa Vilar

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda destinará o vindeiro ano 800.000 euros á adquisición de novos edificios no casco histórico de Ourense e investirá dous millóns de euros na súa recuperación e mellora. Así o anunciou hoxe, 11 de decembro, a conselleira Ethel Vázquez, que visitou, canda ao alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, unha desas vivendas que está a rehabilitar o seu departamento na rúa Vilar 1 da capital.

Segundo anunciou a titular de Vivenda, a vindeira primavera “está previsto que rematen os traballos” nos que o seu departamento investiu máis de 500.000 euros. Nesa mesma rúa, nos números 3 e 5, xa están licitadas as obras de rehabilitación, pois segundo anunciou Ethel Vázquez, “saíu publicado no DOG do pasado xoves”. Estes dous inmobles, adquiridos polo Concello de Ourense e entregados á Xunta para a súa rehabilitación, abranguerán vivenda social “de modo prioritario”, aseverou Vázquez Mourelle, que precisou que a Xunta vai investir 560.000 euros na súa reforma e rehabilitación e que se converterán en tres vivendas de 1, 2 e 3 dormitorios.

Outro anunciou que fixo a conselleira na súa visita é que, unha vez rematadas as obras en Vilar 3 e 5, “procederase no vindeiro ano a traballar na rehabilitación do edificio da rúa Cervantes 141”, un edificio tamén cedido polo Concello.

Hai que salientar que esta zona do Casco Vello de Ourense é a parte máis abandonada da parte histórica da capital. O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, apuntou que a contía que vivenda está a investir en rehabilitala “fose un pouco maior e equivalente ao doutras cidades como Vigo” e reiterou que o futuro desta zona pasa “por abranguer novos negocios para darlle vida, e que non só sexa unha zona residencial”.

Segundo informaron dende a Xunta, tendo en conta todas estas actuacións previstas, o Goberno galego terá recuperado “un total de 40 vivendas mediante un investimento de máis de 7,6 millóns de euros”, xa que estes inmobles súmanse aos 10 de que nestes momentos están a rehabilitar e dos que obtiveron, din, 22 vivendas e 10 locais comerciais.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button