ConcellosÚltima hora

Vivenda rehabilitará as casas dos mestres de Cualedro (na Limia) para alugueiro social

En total investirán 360.000 euros para facer 5 vivendas protexidas con 3 dormitorios e 73 metros cadrados
Ethel Vázquez e Luciano Rivero na presentación do proxecto. 

Vivenda vai rehabilitar as vivendas dos mestres do concello de Cualedro, na Limia, cun investimento de 360.000 euros, para poñer a disposición dos veciños que máis o precisen, 5 novas vivendas protexidas en alugueiro, con 3 dormitorios e 73 metros cadrados.

Na mañá de hoxe, 30 de xaneiro, a conselleira de Infraestruturas de Vivenda, Ethel Vázquez, e o alcalde de Cualedro, Luciano Rivero, visitaron o lugar onde se sitúan estas vivendas dos mestres para presentar o proxecto.

Segundo expuxo o rexedor municipal, o Concello de Cualedro prevé licitar e executar as obras antes de que remate o 2018.

Pola súa banda, Ethel Vázquez explicou que a Xunta achegará o 68% do investimento a través das ordes de axuda de mellora da eficiencia enerxética das vivendas propiedade dos concellos e a recentemente creada subvención para a rehabilitación das vivendas de mestres.

A titular de Vivenda destacou este caso como “un bo exemplo” de como o “entendemento entre as administracións públicas” facilita unha mellor oferta de servizos públicos para os cidadáns. Concretou que é unha tarefa “especialmente importante” cando se trata dunha materia “tan necesaria” e de “relevancia social” como o dereito a unha vivenda digna.

As casas dos mestres presentan un estado ruinoso.

Este edificio de Cualedro está en estado de abandono, pero estruturalmente permite o aproveitamento cun custo inferior ao que suporían unhas vivendas de nova construción.

Dende Vivenda apuntan que estas actuacións están enmarcadas no Programa do Goberno Galego situado nas Estratexias de Rehabilitación, cun triplo obxectivo: social, polo que supón para dar facilidades de acceso á vivenda; potenciación e desenvolvemento rural, porque esta liña de axudas vai destinadas a concellos de menos de 20.000 habitantes, para fixar poboación no rural; e económica e ambiental, porque a rehabilitación é unha iniciativa máis sostible ademais de xerar máis emprego por millón de euros.

En concreto, dende a Xunta informaron que adxudicaron axudas para rehabilitar 16 vivendas de mestres, 7 delas na provincia de Ourense, e xa está aberta a convocatoria de axudas deste ano, de case un millón de euros, que permitirá continuar na recuperación deste tipo de edificacións en Galicia.

A conselleira animou a que outros concellos se acollan a estas axudas, polo que significan dende o punto de vista social, de desenvolvemento do rural e económico e ambiental.

Artigos relacionados

Back to top button