Monográfico Entroido 2012Monográficos

Vodas, xogos e desfiles

A Pita de Eiroás, Frei Canedo e Paquita e Nicanor, no Entroido de Ourense
Foto: Carlos G. Hervella
Foto: Carlos G. Hervella

A fariña anuncia cada ano a chegada do Entroido á cidade de Ourense. E faino no barrio das Eiroás, o primeiro en rendirse ao engado do Entroido. Así na mañá do 5 de febreiro, Domingo Fareleiro, arrancarán os actos festivos coa recepción do Meco por parte das autoridades do barrio. Despois, dende as cinco da tarde reinará o farelo na praza, nun ritual no que non faltará a música da man da Charanga Nova Terra.

A seguinte cita entroideira dos veciños das Eiroás será o 12 de febreiro, Domingo Oleiro. En torno ás cinco da tarde chegarán as olas á praza e, de seguido, comezará o tradicional xogo das olas. O calendario proseguirá o Sábado de Entroido (día 18) coa saída do folión “entre lusco e fusco”. Xa o Martes de Entroido comezará cun pasarrúas con máscaras e músicos pola mañá. Ás 13 h. oficiarase a “Voda da Pita”, na que non faltarán o xantar dos noivos, nin a música, ao ritmo da charanga Chunda-Chunda.

Outra das zonas da cidade na que se viven con especial intensidade estas datas é o barrio da Ponte. Alí celébrase “un Enroido como Dios manda”, en palabras da confraría Frei Canedo. O seu programa abrirase o 18 de febreiro ás 23:30h. cun baile de disfraces co grupo orquestral Nova Versión. A xornada seguinte, domingo 19, estará adicada ao “Polbo e os nenos”, con xogos populares. O luns 20 de febreiro será o día grande de Frei Canedo na Ponte.

Outro dos barrios ourensáns que se suma de xeito singular á celebración do Entroido é o de Seixalbo, no que é costume simbolizar o breve reinado da festa con dous bonecos: a Paquita e o Nicanor, que finalmente son pasto das chamas o Mércores de Cinsa.

Texto: Ángeles Rodríguez/Ourense Foto: Carlos G. Hervella
(Máis información na edición en papel do Especial Entroido de O Sil).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button