DeportesPiraguismoÚltima hora

Volve a competición de piragüismo á provincia

O encoro de Castrelo de Miño reunirá a uns 150 padexeiros o 12 de setembro no marco do campionato provincial Xogade de piragüismo

Acto de presentación da regata de piragüismo de Castrelo de Miño, no Pazo Provincial./ Foto cedida.

 

Cita coa competición nesta fin de semana no encoro de Castrelo de Miño. Será o sábado 12 de setembro a partir das 11h. co campionato provincial Xogade, enmarcado na Copa Deputación de Ourense de Piragüismo.

“Trátase da primeira regata de piragüismo provincial, que suporá tamén o campionato provincial Xogade de piragüismo e puntuará para a liga provincial Copa Deputación 2020, unha liga que este ano tamén estará integrada polas regatas que se celebrarán o 3 e 24 de marzo en Barra de Miño e Muíños, respectivamente”, tal e como sinalaba Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación, no acto de presentación da regata esta mañá en Ourense.

Nesta competición prevese a presenza de máis de 150 deportistas de toda a provincia, comentou José Manuel Fernández, delegado provincial da Federación Galega de Piragüismo, afirmando que por parte da Federación “deseñouse un estrito protocolo de seguridade, que se está levando a cabo en todas as competicións de piragüismo”.

Na presentación tamén se contaba coa participación do alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos, do xefe de servizo de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez; e do presidente do club piragüismo Avión-Castrelo de Miño, Pedro Andrés.

Artigos relacionados

Back to top button