DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Xa está na rúa o álbume de cromos do Centro de Deportes Barco

A presentación da colección oficial do caderno de fúbtol tiña lugar no Campiño de Viloira

O mesmo campo que cada tarde durante a tempada é testemuño de fructíferos adestramentos das diferentes categorías de fútbol do Barco, acollía na tarde do 16 de marzo un acto moi especial que acabou sendo unha gran festa: a presentación do álbume e da colección oficial de cromos 2016/2017 do Centro de Deportes Barco.

Tempo antes da hora prevista, o Campiño de Viloira era xa un fervedoiro de xente (cativos, nais, pais, adestradores, xogadores,…) e pasadas as 8 da tarde, o presidente do club de fútbol barquense, Daniel Ramos, procedía á presentación do acto. Tal como explicou o álbume conta con cromos a cor da directiva, adestradores e cada xogador, tanto do primeiro equipo como de todas as categorías do club. Conta asemade cun apartado adicado á historia do club (con fotografías de antigos xogadores do Barco e mesmo do primeiro equipo que formou a entidade) escrito por Xabier Roo, polo que el foi o encargado de facer un pequeno percorrido pola historia do fútbol no Barco e en Valdeorras asegurando que os cromos son “pequenas cápsulas de emocións e recordos” que xa forman parte desa historia deportiva.

E tralas intervencións, algúns dos xogadores do equipo sénior (Rubén García, Iván Guntiñas, Asier Molinos, Iago Beceiro, Iván Molinos ou Adil Soudassi, entre outros), asinaban os álbumes que os directivos do club entregaron aos cativos asistentes, xunto a algúns cromos.

Quen aínda non os teñas pode conseguilos nos quioscos e librarías do Barco, así como en noutros establecementos colaboradores do Centro de Deportes Barco. Os álbumes son gratuítos e os cromos custan 1 euro por sobre.

Tal como explicou Nilo, a empresa Cromogal fixo un álbume personalizado para os cativos do club, que terán a súa propia foto como portada. O presidente advertiu de que hai algún cromo con algún erro nos nomes dos xogadores, pero que “se irán corrixindo”. Esta iniciativa é algo histórico en Valdeorras e sen dúbida un bo recordo para todos os que forman parte da familia futbolística do Barco. Agora só queda ir cambiando os cromos ata completar o álmbume que consta de 44 páxinas.

Artigos relacionados

Back to top button