ConcellosQuirogaÚltima hora

Xa poden solicitarse as axudas da ARI 8 de Quiroga

 

Logo da publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP nº66 do 23/3/2022) do acordo da xunta de goberno local do Concello de Quiroga (2 de marzo do 2022) das bases e a convocatoria para a concesión de subvencións para rehabilitación de edificios e vivendas na Área de Rehabilitación Integral (ARI) deste municipio (8ª Fase), xa poden solicitarse estas axudas.

“As axudas van destinadas a financiar as actuacións de rehabilitación dos edificios e vivendas na zona de Pacios de Mondelo e boa parte da vila de Quiroga, no marco do acordo asinado entre o Concello de Quiroga, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Ministerio de Fomento o día 01 de decembro de 2021, cun investimento de 72.039,67 €”, tal e como informa o Concello.

Poderán ser obxecto de subvención aquelas melloras da eficiencia enerxética e sustentabilidade, da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas. Os traballos de mantemento e intervención, mesmo no interior das vivendas. As obras de demolición de edificios e de vivendas e as obras de nova construción que teñan unha cualificación enerxética mínima B e cumpran coas exixencias do Código técnico da edificación.

“As axudas económicas previstas terán o carácter de subvención a fondo perdido. A contía máxima pode ser do 50% no caso de obras de conservación ata un máximo de 12.000 €, ou do 85% ata un máximo de 16.000 € en caso de mellora da eficiencia enerxética; en función dos ingresos da persoa propietaria ou arrendataria que solicite a axuda económica”, tal e como informa o Concello de Quiroga. Ademais esta administración local aplicará as exencións de pagamento de licenzas e taxas municipais.

O prazo de solicitude destas axudas estará aberto mentres non se esgote o orzamento. Para máis información ou para tramitar as axudas os interesados deberán dirixirse a Oficina de Rehabilitación, situada no antigo cárcere, onde se atopa o enxeñeiro técnico encargado do ARI. Ademais o Concello de Quiroga conta cun asesor urbanístico, un arquitecto superior con experiencia en temas municipais, que tamén asesorará para estas e outras axudas de vivenda.

Artigos relacionados

Back to top button