Entrevistas

“Xa xogamos co slogan ‘Comparte un Valdeorras’ na promoción da feira”

O presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, Xosé Luis García Pando, explica nesta entrevista a campaña promocional que están a desenvolver na cornixa cantábrica

 

O presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella
O presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella

 

Entre as novidades que rodean a XVII Feira do Viño de Valdeorras, que se desenvolverá os días 12 e 13 de xullo por primeira vez no Barco, está unha campaña promocional que esta realizando esta denominación de orixe na zona norte de España e que leva por título Comparte un Valdeorras. “Queremos crear imaxe e que nos veñan a coñecer”, asegura Xosé Luis García Pando, presidente deste consello regulador.

A campaña inclúe  imaxes publicitarias en diferentes soportes (televisión, valados, redes sociais, etc.) e vén a dar continuidade a outra acción promocional realizada o pasado ano en Madrid e tamén na zona norte do territorio español.

¿En que consiste a campaña “Comparte un Valdeorras”?
Xa está funcionando e consiste en spots publicitarios nas televisións galega e asturiana, neste último caso patrocinando un programa de viaxes e de gastronomía. Tamén ten presenza en medios publicitarios estáticos, como valados, e nas traseiras de autobuses urbanos das grandes cidades galegas onde se permite este tipo de publicidade. Ademais está en revistas do sector e nas redes sociais.

¿A que público se dirixe?
Está concentrada principalmente na cornixa cantábrica. A nosa idea era tamén chegar ata o País Vasco, pero non puido ser debido a unha serie de limitacións que teñen na publicidade de bebidas alcohólicas nesa zona.

¿Que se pretende con esta campaña?
O obxectivo é, máis que incidir nun tipo de viño, que a xente teña unha referencia de Valdeorras. No caso daqueles que non nos coñecen de nada, pois que lles soe Valdeorras, que nos localice e que saiba onde estamos. E de cara a un perfil de público máis profesional ou que xa saiba de nós, remárcarlles que aquí estamos, que seguimos loitando no mercado cos demais viños e que cando abran a carta dun restaurante para pedir un viño ou se acheguen ao lineal dun hipermercado ou dun supermercado nos teñan como referencia. Queremos que se asocie a palabra Valdeorras e que sexa o máis coñecida posible, porque cantas máis referencias teña dela o público, máis doado será que teña a curiosidade por probar o viño e de compralo ou, se xa o tiña probado, de repetir e de preguntarse qué cousas novas se están facendo nesta denominación.

Co slogan “Comparte un Valdeorras” vaise xogar tamén na XVII Feira do Viño…
Si, de feito xa levamos xogando con el durante a promoción da mostra, en todos os actos que levamos feito ao redor dela. E xa no caso da feira propiamente dita pois será “Comparte un Valdeorras” con Cristina Pato ou con Ignacio Vilar, por exemplo. Sempre é compartir un viño de Valdeorras con toda a xente que nos poida visitar.

Texto: Ángeles Rodríguez                               Foto: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button