CulturaCulturaÚltima hora

Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, protagonistas deste especial edición da Festa do Esquecemento en Xinzo

As representacións teatrais e os concertos do 20 ao 22 de agosto será na Alameda do Toural

Presentación da Festa do Esquecemento no Concello de Xinzo de Limia.

 

Aínda que as cifras de casos activos en Xinzo de Limia melloran paulatinamente (a día de hoxe hai 43 fronte aos 53 que chegaron a contabilizarse a principios desta mesma semana) o nivel medio de restricións no que se atopa o municipio obriga a extremar as precaucións de cara aos próximos actos culturais marcados no calendario. A Festa do Esquecemento é o prato forte da programación cultural de verán e poderá celebrarse con todas as garantías sanitarias os días 20, 21 e 22 de agosto. Non será unha edición como as que se recordan –o ano pasado tivo que suspenderse por mor da pandemia- pero o Concello confía en que sexa tamén especial polo mimo co que se elaborou o programa.

Así o explicaba a alcaldesa, Elvira Lama, na presentación da festa: “Feita a consulta a Consellería de Sanidade, non se poden realizar determinados actos e só serán posibles aqueles en espazo acoutado, delimitado, con aforo controlado e todo tipo de protocolos sanitarios”.

 

Cartel desta edición da Festa do Esquecemento.

 

Deste xeito, na Alameda do Toural levaranse a cabo todas as representacións teatrais e os concertos nos tres días de festa, e con horarios marcados e concretos. Unha empresa de seguridade será a encargada de controlar as entradas e saídas de veciños e visitantes e será obrigatorio o uso de máscara, a limpeza de mans, a toma de temperatura e a distancia nos diferentes actos programados. “De non poder ser doutra maneira, esperamos que resulte agradable e seguro para protexer a saúde da poboación en xeral”, recalcou a rexedora.

Tal e como explicou Miriam Opazo, da directiva da Asociación Civitas Limicorum, o programa comezará o venres 20 de agosto cun espectáculo de lume e o prendido do lume sagrado, ademais dun concerto de Grimorium, a partir das 22 horas.

 

Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre actuarán o domingo 22 de agosto.

 

O sábado 21 de agosto os actos comezarán ás 17 horas cun espectáculo de malabares e circo; a partir das 18 horas está prevista a entrega dos premios Bispo Idacio; ás 21:30 horas ofrecerase un concerto de Os da Porfía e de novo un espectáculo de lume. Será o domingo 22 de agosto cando se faga a adaptación do cruce do río, a partir das 17 horas. Os malabares poderán verse a partir das 19 horas e ás 20:30 subirá ao escenario Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre. Para asistir ao concerto será necesario inscribirse chamando aos números de teléfono 649 657 627 ou 678 120 607.

O mercado tradicional tamén se instalará no Toural para poder manter a distancia de seguridade. Na entrada ao recinto tomaranse os datos aos asistentes. Ademais, a programación inclúe por primeira vez un Escape Room na praza Carlos Casares, durante todo o día o sábado e o domingo e sobre a temática da festa. Tamén atraccións tradicionais para os máis pequenos na praza de San Roque, como carruseis de madeira e durante os tres días dos festexos.

Artigos relacionados

Back to top button