ConcellosÚltima hora

Xabier Salgado: “O espírito desta viaxe en moto é descubrir o país”

Este compostelán, que está a percorrer perimetralmente Galicia, chegaba esta tarde a Valdeorras

Xabier Salgado á súa chegada a Viloira (O Barco) esta tarde./ Foto: A.R.

 

Muros (A Coruña) era o punto de partida da súa viaxe o pasado domingo. Un percorrido en moto co que pretende percorrer o perímetro de Galicia, dende o estremo costeiro ata o interior, evitando autovías e pasando unicamente por estradas secundarias. Iniciábaa o pasado domingo.  “De Muros fun todo costeando por cada recanto, por faros e demais. E así, por exemplo, cando cheguei a Ferrol, que está a uns 70 km de Santiago, xa levaba feito 470 km porque vou seguindo todo o que é o perímetro”, explica Xabier Salgado, un compostelán que se embarcaba nesta aventura co fin de descubrir as diferentes paisaxes galegas e ás súas xentes.

Hoxe saía de Burela (Lugo) e pola tarde chegaba ao Barco. A súa intención mañá é chegar á Guarda (Pontevedra), “todo o espírito da viaxe é descubrir o país, ir con calma, desfrutar, falar con xente, visitar igrexas, monumentos… Son un namorado do país e gústame moito a paisaxe, por iso apeneime moito ao chegar ao Barco hoxe, o do incendio é terrible”, resaltaba. Salgado resalta que os galegos “temos un país moi bonito, unhas costas moi fermosas e un interior moi precioso e fago esta viaxe para desfrutalo”.

Vai planificando a súa ruta sobre a marcha, “día a día, e vou reservando o lugar onde quedar na noite anterior, porque realmente non sei o que me vou atopar. Perdinme unhas cantas veces, pero son perdas con pracer, nunca me agobei porque teño todo o tempo do mundo e descubro outras cousas que non esperaba”, explica.

 

 

O compostelán Xabier Salgado./ Foto: A.R.

 

Ademais Xabier Salgado está retratando o que se atopa nesta singular viaxe por Galicia. “Gústame moito a fotografía a estou aproveitando para facer fotografía e gravar vídeo. Tamén teño que empezar a recoller, para que non me traizoe a memoria, distintas anécdotas que me están pasando. E quizais algún día escriba algo sobre a experiencia, que ata o de agora está sendo realmente boa”.

É a primeira vez que Salgado inicia un proxecto deste tipo, “nunca antes fixera unha viaxe así e tampouco hai tanto tempo que teño o carné de moto, quizais, tres anos. Pero penso que son momentos para encontrarse cun mesmo e descubrir cousas”. Ademais valora moi positivamente a acollida da xente. “A moto é bonitiña, non é de velocidade nin moito menos, e chama moito a atención e as persoas veñen falar comigo. Teño moitas anécdotas, por exemplo, visitando unha capale na ermida da Virxe do Faro, perdín a chave da moto e había tres arxentinos que estiveron casa unha hora axudándome a buscala e, ao final apareceu. Son sorpresas moi agradables que dá a xente”.

Este é o cuarto día da súa viaxe, que se completará cando chegue de novo a Muros, o seu punto de partida. Dalí regresará á súa casa en Santiago.

Artigos relacionados

Back to top button