CulturaCulturaÚltima hora

Xacio Baño, ligado familiarmente a Valdeorras, no xurado do 22º OUFF

Serán un dos tres integrantes membros do xurado da sección de Competencia Iberoamericana
O cineasta Xacio Baño.

A organización do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) vén de facer públicos os nomes dos seus xurados na súa 22ª edición, que se celebrará do 20 ao 27 de outubro. Será un xurado no que contará con diversas personalidades destacadas do sector audiovisual. Entre eses profesionais estará o director Xacio Baño, cuxa familia reside na comarca de Valdeorras. Baño é un cineasta galego e curtametraxista “de espectacular traxectoria cuxas obras estiveron presentes en festivais como BAFICI, Mar del Plata ou Clermont Ferrand”, segundo destacan dende o festival.

Así o Xurado Oficial estará composto na Competencia Iberoamericana pola actriz e cineasta Elena Martín -directora do filme Júlia ist-, Ramiro Ledo -responsable de Cinema NUMAX e NUMAX Distribución- e o xa citado Xacio Baño. Ademais, o Xurado da Competencia Operas Primas, pola súa banda, estará integrado pola xornalista e crítica Blanca Martínez, Meghan Monsour -directora de programación de Ambulante Gira de Documentales- e Xosé Ramón Rivas -xestor cultural e programador de documentais do Festival Internacional de Cine de Edimburgo-.

Por outra banda, Begoña González, Helena Rodríguez e Carme Celis comporán o Xurado do Cineclube Padre Feijóo e serán as encargadas de representar á asociación para outorgarlle o Premio do Cineclube ao que designen como Mellor Filme da Competición Operas Primas.

Aos anteriormente citados súmaselles tamén nesta edición o Xurado Universitario, convocado por primeira vez polo Festival de Cine Internacional de Ourense e a Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo. “A través desta iniciativa ofrécese ao estudantado universitario a posibilidade de coñecer o funcionamento do OUFF e participar activamente no desenvolvemento do mesmo, xa que este xurado seleccionará un filme da Competencia Iberoamericana da Sección Oficial do festival para outorgarlle o Premio Xurado Universitario, dotado con 1.500 €”, indican dende a organización.

As persoas que desexen formar parte deste Xurado Universitario deberán estar matriculadas ou matriculados nalgunha titulación da UVigo no curso 2017/2018, ter entre 18 e 27 anos e dispoñibilidade durante a celebración do festival (do 20 ao 27 de outubro de 2017). O prazo para facer a solicitude estará aberto ata o próximo 8 de outubro.

Artigos relacionados

Back to top button