CulturaCulturaÚltima hora

Xacio Baño presenta a súa primeira longametraxe “Trote” no Barco, “a miña casa”

A proxección, prevista para as 20:30h. do 13 de decembro no Teatro Lauro Olmo, contará coa presenza do director

 

O director Xacio Baño, nun dos últimos actos nos que participou no Barco./ Foto: Mónica G. Bellver.

Non o tiña previsto, pero a oportunidade xurdiu e Xacio Baño, un cineasta que pasou a súa infancia en Manzaneda e cuxa familia reside agora no Barco, aproveitábaa. Despois de diversas e recoñecidas curtametraxes como “Estereoscopía” (2011), “Anacos” (2012) ou “Ser e voltar” (2014), a produtora Frida Films propoñíalle dirixir a súa primeira longametraxe. “Eu non tiña moita ambición de facer unha longa, e isto ten que ver con que a longa é outro mercado, outra responsabilidade, hai outros deuses como o diñeiro, que está moi por riba da obra en moitas ocasións; sen embargo Frida Films, á que lle gustaban moito as miñas curtas, preguntoume se tiña algunha idea ou guión para unha película e o certo é que había algún pequeno conato de longa e por aí apareceu o filme”, sinala Baño.

“Trote” conta a historia de Carme (María Vázquez), que vive nunha aldea da montaña galega, e da súa familia. A trama transcorre na fin de semana na que se celebra a “Rapa das Bestas”, unha loita entre o home e o animal que vai máis alá de ser unha festa e unha tradición no filme. “Trote é unha película que eu sempre defino como de animais que xogan a ser humanos, xentes que están pelexadas co seu propio animal interno”, destaca o director.

 

Cartel da película no exterior do Teatro Lauro Olmo do Barco.

 

Neste traballo ,de 83 minutos de duración, Baño mantén as súas referencias temáticas, pero tamén aposta por facer algo “totalmente diferente na narración, no drama… ao que explorei coas curtas. Ao artista concíboo como alguén que está explorando, xogando, buscando continuamente”.

Tras pasar, entre outros lugares, por festivais de relavancia internacional como Locarno (Suíza) e San Sebastián cunha moi boa acollida, “Trote” chega agora a Valdeorras. En concreto presentarase ás 20:30h. do 13 de decembro no Teatro Lauro Olmo do Barco coa asistencia de Xacio Baño. “Valdeorras é a miña casa e faime moita ilusión presentar a película aquí, que a poidan ver os meus pais, os meus amigos e a xente da zona”, comenta.

Este filme, con guión do propio Baño e de Diego Ameixeiras, está rodada en galego e no seu elenco de actores (xunto a María Vázquez) están Celso Bugallo, Diego Anido e Tamara Canosa. Tamén se proxectará no Barco o sábado 15 de decembro ás 19:30h. e 22:30h., o 16 de decembro ás 19:30h. e o 17 de decembro ás 20:45h.

Artigos relacionados

Back to top button