En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Xantar acende os fogóns cunha notable presenza do oriente ourensán

Na 19ª edición deste salón internacional de gastronomía e turismo, que se celebrará do 31 de xaneiro ao 4 de febreiro, contan con expositor propio concellos como Trives, Viana do Bolo, Vilariño de Conso, A Veiga, O Barco e Castro Caldelas

Turismo e gastronomía marídanse á perfección na 19ª edición de Xantar, a Feira Interancional de Turismo Gastronómico, que se desenvolverá en Expourense do 31 de xaneiro ao 4 de febreiro. Este ano a feira reúne a 273 expositores achegados de 12 países: España, Portugal, Panamá, Costa Rica, México, Ecuador, Paraguai, Francia, Perú, Cuba, Arxentina e Estados Unidos. “Por quinto ano consecutivo, Xantar volver ser o único certame internacional celebrado en España dedicado conxuntamente ao turismo e a gastronomía e ofrecélle ao visitante máis de 200 actividades enogastronómicas e turísticas”, segundo se destaca dende a organización.

Neste marco internacional tamén terán presenza propia diversos concellos do oriente ourensán, que apostan por promocionar os seus produtos gastronómicos de referencia, recursos turísticos e citas festivas e culturais, como o Entroido, en Xantar. É o caso da Pobra de Trives, Viana do Bolo, Vilariño de Conso, A Veiga, O Barco ou Castro Caldelas.

Ademais teñen presenza outros concellos como Laza e Sober, diversas indicacións xeográficas protexidas como a IXP Castaña de Galicia, outras provincias próximas como a de Zamora, a través do seu Patronato de Turismo, e países como Portugal, convidado nesta edición, con gastronomía, turismo e artesanía, como é o caso das máscaras en madeira talladas polos artesáns de Lazarim (Lamego).

En Xantar 2018 participan 15 restaurantes procedentes de Galicia, Castela e León e de varias rexións turísticas de Portugal, ademais de Panamá, que repite experiencia logo de ter participado como convidado na pasada edición. En total, ofrécense 20 menús con prezos comprendidos entre os 14 e os 30 euros, baseados en produtos autóctonos e de calidade.

O acto inaugural de Xantar tiña lugar no medidía do 31 de xaneiro coa presenza do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, entre outras autoridades.

Texto:A.R./ Fotos: Carlos G. Hervella, agás a última da galería.

Máis información sobre a inauguración de Xantar na seguinte ligazón:

A cinta inaugural de Xantar córtase baixo o paraugas da “colaboración transfronteiriza”

Artigos relacionados

Back to top button