En portadaÚltima hora

Xantar e o Fórum Gastronómico da Coruña, primeiras citas promocionais da D.O. Valdeorras no 2019

Na sesión celebrada polo pleno do Consello Regulador este 24 de xaneiro acordábase a participación en diferentes mostras vitivinícolas
Expositor do CRDO Valdeorras nun mostra internacional no pasado ano 2018./ Foto: CRDO Valdeorras.

Ao longo deste ano 2019  o Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras intensificará as accións promocionais dos seus viños. Así se acordaba no pleno que este organismo celebraba na mañá do 24 de xaneiro en Vilamartín de Valdeorras.

Entre as actividades promocionais aprobadas figuran a participación en Xantar 2019 (que se celebrará en febreiro en Expourense) ou no Fórum Gastronómico da Coruña (que terá lugar no mes de marzo), así como aposta en marcha de diversos eventos de marketing en cidades como Santiago de Compostela ou Barcelona, respaldados por Verema, unha das comunidades de aficionados ao viño e gastronomía máis representativas no mundo de fala hispana (con máis de 74.000 usuarios rexistrados).

O presidente do Consello Regulador, José Luis García Pando, enmarca todas estas iniciativas no “espírito que rexe ao actual equipo de Goberno do organismo de situar a actividade promocional dos viños no centro da sua acción”. Tamén adianta que esta axenda de accións irase completando neste ano.

Paralelamente, o pleno tamén aprobaba a actualización de diferentes procedementos do organismo co fin de adaptalos ás esixencias marcadas por ENAC e que teñen que ver coa verificación de aptitude das partidas do viño, coa xestión das contraetiquetas ou coa xestión dos recursos, reclamacións e litixios, entre outros asuntos.
Tamén saía adiante na reunión a renovación do contrato dun membro do equipo técnico do Consello Regulador, que se incorporou ao organismo o ano pasado

Finalmente, o pleno autorizou a sinatura dun convenio con Abanca ao abeiro de cal se ofrecerán diversos produtos e servizos financeiros a adegueiros e viticultores con xuros reducidos, así como alternativas de financiamento flexibles para favorecer o desenvolvemento da súa actividade.

Artigos relacionados

Back to top button