EconomíaEconomíaÚltima hora

Xantar expón as súas calidades en Madrid na Feria de Turismo Internacional (FITUR)

O Salón de Turismo Gastronómico Internacional contará con 20 menús que inclúen alimentos amparados por unha Denominación de Orixe ou Indicación Xeográfica Protexida

A promoción de Galicia e Portugal como destinos gastronómicos de excelencia foi o fío condutor da presentación de Xantar en FITUR (Feria Internacional de Turismo) en Madrid na tarde de hoxe, 17 de xaneiro. Un acto no que participaron numerosos representantes de entidades vencelladas ao turismo de España, Portugal, Panamá e Arxentina. Este Salón Internacional de Turismo Gastronómico vaise celebrar en Expourense entre os días 31 de xaneiro e 4 de febreiro.

A subdirectora da Secretaría General de Estado de Turismo, Tatiana Martínez, confirmou o apoio do Estado a Xantar que “promove a calidade turística e presenta un concepto. Identifica o turismo co territorio, xa que amosa toda a cadea de valor do produto, dende a súa orixe ata que o turista o consume e goza”. Asemade, recalcou que Xantar é un produto “que aposta polas raíces” ao promover as festas de interese turístico nacional e internacional.

Pola súa banda, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, apuntou que a cociña é “un dos valores patrimoniais de Galicia e Ourense”. Reiterou que é “unha das nosas mellores tarxetas de presentación”. Dixo de Xantar que demostra que “ao redor da comida a xente confraterniza e coñécese”. Vázquez apuntou do país convidado, Portugal, como “un comensal de excepción” aínda que tamén o dixo de Panamá, que acode por segundo ano consecutivo tras seres o país convidado na edición do 2017. O rexedor municipal anunciou que, ao habitual posto de “Sabores de Ourense” incorporarán un posto cun “cociñeiro excepcional” cun menú “que vai ser sensación”, elaborado con “augas termais”.

Neste acto tamén estivo a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro; o presidente da rexión de Turismo Porto e Norte -representando ao país convidado- Melchior Moreira e o deputado de Turismo de Zamora, José Luis Prieto, xa que esta institución acode por vez primeira a este salón, entre outros.

En canto ao país convidado, Portugal, contará con “catro restaurantes”, din dende a organización. Asemade haberá numerosos showcookings e catas comentadas. Como novidade desta décimo novena edición, van participar 15 restaurantes de Galicia, Castela e León, varias rexións turísticas de Portugal, ademais de Panamá, que repite este ano, como xa se mencionou.

En total, serán máis de 20 menús baseados en produtos autóctonos de calidade, xa que a meirande parte inclúen alimentos amparados por unha Denominación de Orixe ou Indicación Xeográfica Protexida.

Máis información sobre Xantar e as ofertas gastronómicas, na edición impresa de “O Sil” do mes de xaneiro.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button