PolíticaÚltima hora

Xantar popular para presentar o grupo parlametario do BNG

Reunía a máis de medio millar de persoas no parque compostelán de Belvís o 15 de outubro

“O motor do cambio, da corrente de simpatía e entusiasmo que abrimos ao noso redor é o resultado de cada militante que colgou bandeirolas, de quen repartiu panfletos, do noso labor nos concellos, nas deputacións, coas que cada día demostramos con feitos que o BNG é un proxecto con ideas e principios capaces de facer que Galiza avance e progrese”. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, dirixía estas palabras de recoñecemento á militancia nun xantar popular que se celebraba no mediodía do 15 de outubro no parque de Belvís, en Santiago de Compostela. Este acto servía para expresar o agradecemento da formación e tamén para presentar aos membros do grupo parlamentario nacionalista na décima lexislatura da Cámara galega. Entre eles está a ourensá Noa Presas.

Pontón sinalaba que o BNG vai apostar desde o Parlamento e desde a rúa por liderar a alternativa de cambio ao PP e a Feijóo en catro anos. “Estamos traballando desde xa para liderar a alternativa que sitúe ao Bloque como referencia do cambio que máis cedo que tarde vai producirse na Galiza. Traballaremos para emerxer dentro de catro anos con máis forza e situarnos como a alternativa que derrote á dereita e ao centralismo, e abra un novo ciclo para o país”.

Apuntaba asemade que os resultados do 25 de setembro “son un paso adiante para a consolidación do proxecto nacionalista, vento nas nosas velas que nos ten que permitir avanzar cara o noso obxectivo: unha Galiza dona do seu futuro, próspera, con igualdade, liberdade e vida digna”. Por iso, o empeño do BNG “en seguir traballando para romper co centralismo e a sumisión e poñer en marcha unha alianza galega en defensa dun novo marco que garanta traballo digno, servizos públicos e o fin da emigración forzosa”.

Entre as prioridasdes da formación nacionalista figuran avanzar nun novo estatus para Galiza co control dos propios recursos e evitar recortes en educación, en sanidade. A súa intervención ante a militancia foi precedida das palabras dos deputados electos Montse Prado, Olalla Rodil, Noa Presas, Xosé Luís Rivas e Luís Bará. A este xantar asistían máis de medio millar de persoas. Entre elas había unha representación do BNG de Valdeorras.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button