OurenseÚltima hora

Xantar será o escenario para posta de longo da nova asociación “Cociña Ourense”

Expourense acolleu unha reunión informativa da edición de 2019 que se celebrará do 6 ao 10 de febreiro
Reunión informativa de Xantar, en Expourense.

O Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar, ultima o programa de actividades da súa 20ª edición que se celebrará en Expourense entre o 6 e o 10 de febreiro e que reunirá a chefs de varios países que impartirán obradoiros de cociña en directo, enmarcados no XIV Encontro Internacional de Gastronomía Saudable e Sostible que ofrecerá ao público máis de 100 experiencias.

O programa de actividades de Xantar 2019 era presentado en Expourense nunha reunión celebrada na mañá do 17 de xaneiro á que asistiu unha quincena de profesionais da gastronomía e o turismo de Galicia. Tamén asistiron representantes da Consellería de Sanidade, de Turismo do Concello de Ourense, das D.O. Ribeiro, Valdeorras e Monterrei, de BOAGA, da Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados e Mariscos-ANFACO, do Clúster de Turismo de Galicia, da Federación Provincial de Hostalaría, da Unión de Hostaleiros de Ourense, da Asociación “Cociña Ourense”, da Academia Gastronómica de Ourense, da Asociación Galega de Catadores e do IES de Vilamarín.

Segundo o avanzado, un ano máis as exhibicións de cociña en directo volverán ser un dos pratos fortes desta edición. Xantar 2019 disporá de tres aulas gastronómicas para dar cabida ao extenso programa de showcookings no que participarán chefs nacionais e internacionais. O programa completarase cun concurso de cociña Xantar Gourmet-Grupo Cuevas; catas comentadas de produtos como viños ou conservas; presentacións de destinos enogastronómicos; degustacións; conferencias sobre seguridade alimentaria… e así ata máis de 100 experiencias durante cinco días.

Xantar será tamén o escenario elixido pola asociación “Cociña Ourense”, creada hai uns días, para a súa posta de longo na provincia realizando en total 12 showcookings.

Artigos relacionados

Back to top button